21 parroquias de Vilalba contarán con actividades de dinamización

TerraChaXa
Ábrese un ciclo despois da boa acollida que tiveron as que se realizaron durante o inverno
presentacion-actividades-dinamizacion-rural-vilalba
27 Mar 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo presentaron un novo ciclo de actividades de dinamización nas parroquias do rural vilalbés que comezará a vindeira semana e se estenderá ata finais do mes de xuño.

O goberno local pon en marcha a iniciativa “logo da boa acollida e da satisfacción das asociacións veciñais coas actividades organizadas durante o inverno que financiou a Deputación de Lugo”, explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, ao que engadiu que “nesta ocasión o financiamento das actividades correrá a cargo das arcas municipais, de tal forma que seguirán sendo totalmente gratuítas para os veciños e veciñas”.

Nesa liña, nesta nova edición serán 21 parroquias nas que se impartirá semanalmente algunha das actividades ofertadas: manualidades, ximnasia de mantemento, novas tecnoloxías ou memoria. “Ofrecéuselle a todas as parroquias a posibilidade de ter actividades e nesta ocasión sumáronse 5 máis que na anterior”, apuntou a concelleira Paula Vigo.

En concreto, foron as parroquias de Rioaveso, Torre, Noche, Tardade, Insua, Sancovade, Mourence, San Simón, Belesar, Román, Distriz, Oleiros, Lanzós, Nete, Santaballa, Vilapedre, Codesido, Árbol, Corvelle, Alba e Goiriz as que se acolleron a esta iniciativa.

“Pero non é necesario ser veciño dunha desas parroquias para poder acudir ás actividades, pode facelo, por suposto, calquera veciño ou veciña que o desexe, presentándose na data e hora que corresponda na casa escola da parroquia, sen necesidade de inscribirse previamente”, sinalou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

Desta forma, o Concello de Vilalba ratifica o seu compromiso co “mantemento dun rural vivo, no que os veciños e veciñas tamén teñan oportunidades para socializar, activar a mente e o corpo e fuxir da situación de soidade ou illamento na que poden verse en determinados casos”, salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

Finalmente, dende o goberno local animan “a todos os veciños e veciñas a participar nestas actividades nas que ademais de aprender e manter activo o corpo, os veciños comparten un momento agradable, xurdindo en moitas ocasións propostas para máis xuntanzas e actividades na parroquia”.

actividades-dinamizacion-rural-vilalba
⚙ Configurar cookies
0.27002596855164