23 exemplares da Granxa Gayoso participaron na XCVI Poxa de Gando Vacún de Adai

TerraChaXa | LugoXa
A Deputación presenta 23 exemplares de raza autóctona de xovencas da Granxa Gayoso á XCVI Poxa de Gando Vacún de Adai
subasta nacional de Raza Rubia Gallega de Adai
14 Nov 2021

O recinto gandeiro de Adai, no municipio do Corgo, nunca falla e nesta ocasión volveu albergar unha das feiras máis exitosas das celebradas pola Asociación de Criadores de Raza Loura Galega neste mercado. Nin o frío nin a néboa que acompañaron as máis de dúas horas de poxa restaron afluencia e ganas aos asistentes a esta nova cita, que polas súas cotizacións e número de animais adxudicados máis parecía a cita nacional de xuño que a poxa de outono, que adoita ser máis discreta tanto en prezos, como en vendas e en participación. Con todo, hoxe adxudicáronse 26 dos 27 animais presentados; as 23 xatas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo vendéronse moi por encima do seu prezo de saída, fixado en 1.950€, o que as levou a alcanzar un prezo medio excelente, de 2.300 euros. A nota máis significativa da poxa, o prezo récord para esta poxa de outono dunha #xato de Acruga vendida en 3.650 euros, tras unha poxa en grao sumo disputada entre catro gandeiros.

A poxa comezou timidamente coa presentación dos tres touros pertencentes a gandeiros particulares. As poxas cubríronse no prezo de saída, en dúas dos casos, mentres que un dos exemplares quedou deserto. Este inicio non foi para nada a tónica do resto da poxa; de feito, a primeira das xatas que entraba no anel de poxas adxudicouse en 2.550 euros. E é que a calidade dos exemplares procedentes do centro de recría da Deputación de Lugo foi un dato que nesta ocasión estivo moi presente. Tanto é así, que todos os animais subiron moi por encima do prezo de saída, lanzando un prezo medio de 2.300 euros, ao que nunca se chegou nesta poxa de outono. As cotizacións, o ambiente e as poxas tan disputadas parecían propias da poxa de xuño. De feito, do mesmo xeito que entón, nesta tamén se bateu un récord propio: os 3.650 euros que pagou un gandeiro de Castroverde por unha das mellores xatas do lote, a segunda coa cualificación morfolóxica máis alta no Libro Xenealóxico, que determina a calidade e as características do prototipo racial de cada exemplar.

A participación foi outra das cuestións máis destacadas nesta poxa, na que 55 gandeiros e gandeiras, a gran maioría da provincia de Lugo, sacaron a tarxeta que lles permitía poxar por un dos 27 animais presentados esta mañá. Entre as autoridades estiveron presentes, entre outros, o alcalde do Corgo, Felipe Labrada; o deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Roberto Fernández; a directora da granxa Gayoso Castro, Sonia Verdes; o secretario da Subdelegación do Goberno en Lugo, Víctor Fraga; e o presidente do Colexio de Veterinarios, José Luis Benedito Castellote. Acompañando a todos eles estivo o presidente de Acruga, César Dourado, que mostrou a súa satisfacción polos resultados da poxa incidindo en que "había demanda, pero o que de verdade influíu nos excelentes resultados de hoxe foi a calidade das xatas. Había un nivel altísimo, do mellor que trouxemos a Adai, e iso os gandeiros veno".
Pasadas as dúas e cuarto da tarde finalizou esta edición número 96 da poxa nacional de Adai, que será unha das últimas poxas do ano para a Asociación de Criadores de Raza Loura Galega.

GRANXA GAYOSO

Os Deputados de Recursos Sostibles e Medio Ambiente, Roberto Fernández Rico e José Luis Raposo, xunto ao presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades, participaron este sábado na XCVI Poxa de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega no recinto feiral de Adai, no concello do Corgo. A Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo presentou 23 exemplares de raza autóctona á este certame. 

Esta nova edición da poxa e o concurso de Adai contou cunha trintena de animais: tres xovencas e tres machos de gandeirías particulares, e outras 23 xovencas preñadas do centro de recría da institución provincial, que tiveron un prezo de saída de 1.950 euros e que, de media, chegaron a venderse por uns 2.300 euros.

A Deputación de Lugo mantén unha importante colaboración con ACRUGA, ao que lle destina unha achega total de 1,4 millóns de euros dende 2019 e ata o 2022. Esta colaboración destínase por unha banda, para unha liña de axudas directas a explotacións lucenses polo primeiro parto das femias reprodutoras inscritas no rexistro xenealóxico; e por outra banda, a institución provincial mantén unha colaboración directa con ACRUGA para a recría e mellora xenética dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro.

subasta nacional de Raza Rubia Gallega de Adai 2
0.151291847229