27 proxectos subvencionados pola Deputación impulsarán as Reservas da Biosfera

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O BOP publica a listaxe provisional de beneficiarios das axudas para iniciativas que dean valor ao patrimonio das Reservas da Biosfera
Axudas reserva da biosfera
22 Xuño 2022

A Boletín Oficial da Provincia de Lugo publica hoxe a listaxe provisional de beneficiarios da liña de axudas en concorrencia competitiva convocadas pola Deputación por un importe total de 83.000€ para entidades sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola propia institución. As subvencións están destinadas a desenvolver actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das propias reservas.

En total seleccionáronse 27 proxectos, 16 para a Reserva da Biosfera Terras do Miño e 11 para Os Ancares Lucenses. Agora ábrese un prazo de 10 días para presentar alegacións, e logo, unha vez valoradas, publicarase a listaxe definitiva.

Entre os proxectos seleccionados atópanse exposicións, estudos e investigacións, accións formativas, creación de material divulgativo, melloras de infraestruturas ou a creación dunha rede agroecolóxica, ademais doutras iniciativas que contribuirán de maneira importante a poñer en valor o territorio e a dinamizar a actividade social, cultural e económica.

Trátase dunha iniciativa que inclúe dúas liñas de actuación, a primeira dotada con 45.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño e outra, por un importe de 38.000€, para iniciativas na Reserva dos Ancares Lucenses. O importe que outorga a institución provincial oscila entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto.

Os termos municipais nos que se debe actuar para estas axudas son Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade,
Riotorto, O Valadouro, Vilalba e Xermade, no caso da Reserva da Biosfera Terras do Miño; e Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, no da Reserva dos Ancares Lucenses.

Esta iniciativa, que forma parte do Plan de Impulso de Economía da Provincia promovido pola Deputación o pasado ano, permite fortalecer unha rede de colaboración integradora, na que os colectivos locais e entidades sen ánimo de lucro propoñan e impulsen actividades no marco dos Plans de Acción aprobados para as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

0.1839861869812