33 empresas forestais de Lugo mellorarán a competitividade do sector
33 empresas forestais da provincia de Lug orecibirán unha achega de 3,4 millóns de euros a través dun programa de axudas para mellorar a competitividade do sector.
Estas achegas son para microempresas e pequenas e medianas empresas do sector para os investimentos realizados en zonas rurais en tecnoloxías forestais, e procesamento, mobilización e comercialización de produtos. O investimento subvencionable declarado polas 33 empresas lucenses beneficiarias ascende a 9,2 millóns de euros (9.256.958 euros), e a porcentaxe media da axuda ronda o 40%.
As empresas investiron na modernización das instalacións e dos medios de produción. Así, entre as actuacións subvencionadas destaca a compra de equipamento -adquisición de 8 autocargadores, 11 procesadoras de madeira e 6 cabezais taladores, entre outros- e acondicionamento das instalacións, como a mellora da protección contra incendios, a construción dun parque de almacenamento de madeira, ou a incorporación dun novo sistema automático de pesada.
Polo que respecta á distribución por comarcas, 19 empresas están situadas na Mariña, que actualmente é a comarca lucense con maior superficie forestal destinada ao aproveitamento madeireiro e con maior volume de cortas. Suman preto de 2 millóns de euros en axudas e de 5,3 millóns de investimento subvencionable.
Nas comarcas da Terra Chá e Meira hai sete empresas beneficiarias; suman 1 millón de euros en axudas para un investimento realizado de 2,8 millóns. Seis empresas máis son da comarca de Lugo, con axudas que ascenden a 417.000 euros para un investimento de 1 millón de euros. Por último, da zona Sur hai unha empresa, que conta cunha axuda de 48.800 euros para un investimento de 122.000 euros.
O delegado subliñou que estas axudas son xestionadas pola Axencia Galega da Industria Forestal, un instrumento creado hai dous anos para impulsar o sector e facelo máis competitivo a través da innovación e a diversificación.
Ao respecto, Balseiro destacou o peso que ten o sector forestal na provincia, que xera 3.000 empregos directos e 7.000 indirectos; no que vai de ano rexistráronse 2,9 millóns de metros cúbicos de madeira cortada nos montes de Lugo.