Ribadeo e Viveiro promocionan o seu patrimonio en Fitur

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Dous dos concellos máis turísticos da Mariña lucense, Ribadeo e Viveiro, acuden un ano máis a Fitur, para promocionar o seu patrimonio histórico e natural nunha das principais feiras de turismo europeas, co obxectivo final de consolidalo como un destino de calidade durante os doce meses do ano.
23 Xan 2020

Dous dos concellos máis turísticos da Mariña lucense, Ribadeo e Viveiro, acuden un ano máis a Fitur, para promocionar o seu patrimonio histórico e natural nunha das principais feiras de turismo europeas, co obxectivo final de consolidalo como un destino de calidade durante os doce meses do ano.

VIVEIRO

“Viveiro terá este ano un papel relevante na feira, xa temos pechadas de antemán diferentes xestións e reunións con touroperadores internacionais e outros axentes do sector, hai moito interese no noso potencial paisaxístico, cultural e de natureza”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.

Nesta edición Viveiro intervirá o xoves, ás 11:30 horas no stand de Galicia, na presentación que realizará a Deputación de Lugo baixo o título ‘Lugo, vén!’; e ás 14:45 horas, no stand de Turespaña, na presentación oficial da Rede Europea de Celebracions da Semana Santa e Pascua, que empezou a andar en 2018 e que se constituiu en Braga (Portugal) en febreiro de 2019.

O mesmo xoves, ás 17:00 horas, no stand de Galicia, Viveiro terá tamén un papel protagonista na presentación da Mancomunidade da Mariña Lucense, no que se darán a coñecer distintas experiencias de turismo slow, coa intervención de varios alcaldes da mancomunidade, ademais de representantes da deputación e da Xunta; e ás 18:30 horas, na oficina da Xunta de Andalucía en Madrid, terá lugar a asamblea da Rede Europea de Semana Santa e Pascua, onde se tratarán temas propios da asociación.

Por último, o venres 24, ás 10:00 horas, no stand de Galicia, haberá a presentación das Semana Santa en Galicia, na que unha vez máis Viveiro dará a coñecer as características que fan á Semana Santa do concello única e merecedora da distinción de Festa de Interese Turístico Internacional.

Por outra banda, o Concello de Viveiro anunciou hoxe que un total de 3.676 persoas visitaron no ano 2019 os claustros de San Francisco, onde está ubicada a exposición permanente da Semana Santa. Delas, 3.506 eran españolas e 170 estranxeiras.

“Este balance é froito da colaboración existente entre a Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro e o noso concello, mediante a cal se teñen cedidos diversos locais dos Claustros de San Francisco para mostrar o patrimonio das distintas cofradías e irmandades”, explicou a alcaldesa.

Para o concello, esta iniciativa é unha mostra máis da estreita relación coa Xunta de Cofradías e do traballo común en aras de continuar promovendo esta celebración, unha das máis importantes e representativas do municipio. Na rolda de prensa de balance do 2019 participaron Pepe Veiga, presidente da Xunta de Cofradías da Semana Santa, e José Luis Couceiro, Irmán Maior da Cofradía da Piedade.

RIBADEO

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, anuncia que teñen diversas xuntanzas programadas en Fitur 2020 nas que farán promoción e fincapé nos recursos naturais do concello, no legado indiano e tamén no Camiño de Santiago co obxectivo de atraer turistas ao longo de todo o ano. O Concello de Ribadeo e ACISA traballarán intensamente estes días en Madrid. O rexedor asegura que acoden a Fitur con moita ilusión.

Fernando Suárez contou que “para esta edición do Fitur 2020 desde Ribadeo volvemos a Madrid con moita ilusión para vender o moito que temos tanto como concello como comarca. Singularmente no que ten que ver con nós, hai tres eixos que eu resumiría, por unha banda, todo o que estamos facendo en xeoturismo. Temos moitísimos recursos naturais e levamos tempo apostando por eles, porque este tipo de turismo é ao longo de todo o ano. Temos tamén o legado indiano, que tan ben está aí, que é combinar historia, arquitectura, tradición e todo o que se pode ver e facer aquí en Ribadeo neste aspecto”.

O alcalde salientou que “unha cuestión que temos aquí, que nos pasa desde hai moitos séculos e que temos que ir ampliando cada vez máis é o Camiño de Santiago e concretamente o Camiño Norte. Desde que temos as últimas estatísticas, desde hai máis ou menos dez ou doce anos, vemos que cada ano se vai incrementando o número de camiñantes que pasan por Ribadeo, pero vemos que aínda hai un marxe importante para seguir facendo deste Camiño un recurso económico ao longo de todo o ano”.

Suárez Barcia dixo que “todos estes conceptos están baseados nun turismo sostible, pero tamén ao longo do ano, non soamente quedándonos coa parte alta do verán, que por sorte xa a imos tendo bastante ben cuberta, senón de traballar durante todo o ano. Con estes sinais de identidade que temos, con estes elementos diferenciadores, non temos nada que inventar, temos que difundir o que xa temos, que é moito”.

O rexedor ribadense engadiu que “co meu compañeiro de Turismo, coa técnica de Turismo, iremos da man tamén da asociación de comerciantes de Ribadeo, Acisa, para traballar estreitamente. Temos moitísimas reunións para o día de mañá, e este ano temos a responsabilidade, xunto con outros dous Concellos da Mariña, de representar a comarca e poñerlle voz a todos estes eventos que estamos traballando en conxunto e que nos poden vir ben a todos. Polo tanto, encaramos este Fitur 2020 con moita ilusión e alí intentaremos defender o pavillón de Ribadeo e da Mariña o mellor que poidamos”.

0.17338895797729