340 árbores serán repartidos con motivo do Día da Árbore
A Consellería do Medio Rural cedeu 340 exemplares de especies arbóreas autóctonas á Federación de Veciños de Lugo para distribuílas entre diferentes asociacións da provincia, que as plantarán nos seus respectivos concellos. En concreto, repartíronse 120 castiñeiros, 120 cerdeiras, 50 carballos e 50 loureiros, a maioría deles procedentes de viveiros da Xunta.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destaca que a Administración galega colabora así un ano máis coa entidade veciñal para conmemorar o Día Internacional dos Bosques. Arias sumouse hoxe á plantación de castiñeiros realizada nun monte veciñal da parroquia de Santalla de Bóveda (Begonte), onde tamén se lle entregan 110 exemplares desta especie á comunidade de montes para promover a repoboación.
Así mesmo, Arias salientou que o departamento de Medio Rural impulsa diferentes medidas para poñer en valor os recursos forestais, como as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, que teñen aberto o prazo de solicitude da convocatoria do 2022 ata o próximo 7 de abril. A orde conta cun orzamento de 13,12 millóns de euros para incentivar aos propietarios a que acometan labores preventivos de incendios durante os exercicios 2022 e 2023.