350 persoas participarán na quinta edición do Trail das Bestas de Muras
Este mediodía presentouse na área recreativa da Veiga, en Muras, a quinta edición do Trail das Bestas, que se celebra o vindeiro domingo 17 de xullo e que conta a escasas horas de pecharse o prazo de inscrición -ao rematar o día de hoxe- conta con 350 persoas anotadas.
A proba ofrece catro modalidades de participación: 43 Kms, 27Km, 14 km e andaina, para facer camiñando e cun percorrido tamén de 14 km. A organización destacou que nesta quinta edición a Serra do Xistral ten maior protagonismo en todos os itinerarios, reforzando a visibilidade deste espazo natural emblemático. Así mesmo, atendendo ás previsións meteorolóxicas, prevese un reforzo dos puntos de avituallamento e a presenza dun equipo sanitario que desenvolverá unha labor preventiva.
Como en anteriores edicións, ponse especial atención na conservación dos espazos naturais polos que transitará a proba, limitando o trazado a espazos nos que non ten impacto o tránsito dos corredoras e corredores e revisando os itinerarios ao finalizar ao evento.
O punto de referencia da proba será a contorna da área recreativa da Veiga, que reúne todos os servizos para as persoas participantes e acompañantes, con espazo dispoñible para aparcamento de turismos e caravanas e piscina.
O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, mostrouse satisfeito de “poder levar adiante un ano máis o Trail das Bestas, unha proba deportiva quecontribúe á promoción dos recursos naturais do concello, poñendo en valor as paisaxes da Serra do Xistral e das fragas do Eume, e a propia área recreativa da Veiga, que conta cuns espazos magníficos para o lecer ampliados nos últimos tempos coa apertura da piscina municipal”.
“Cremos que a marca Muras sae reforzada con este tipo de iniciativas”, apuntou o rexedor, que valorou tamén “o dinamismo económico que xenera a presenza dos corredores e corredoras, que en moitos casos chegan xa o día anterior e se aloxan nos establecementos do concello e da cormarca”.
O deputado de Deportes Efrén Castro explicou que “a organización do evento, financiada polo Concello de Muras, conta cunha achega de 6.000 euros do Plan Único da Deputación de Lugo que reivindicou como unha fórmula de distribución equitativa de recursos aos concellos, que deciden os investimentos que desenvolven con autonomía”
No acto, participaron tamén o tenente alcalde e responsable de Deportes de Muras Mario Rouco e os responsables da organización do evento, a cargo de MarMar Outdoor.
Observación astronómica
Na véspera do Trail, o sábado pola noite a organización propón unha actividade de observación do ceo e as estrelas, encadrada na marca de Muras como destino Starlight. A actividade, da man do experto en astronomía Marcos López Alonso, pretende dar a coñecer este atractivo natural de Muras a corredores e corredoras mais a participación está aberta a calquera persoa interesada. Cómpre anotarse previamente no enderezo electrónico pablo@marmaroutdoor.com, indicando nome, apelidos e dni e especificando “Starlight” en asunto.
Consulta os detalles da competición neste enlace.