36 fotos dos usuarios de Down Lugo protagonizan a nova mostra da Capela de Santa María
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e a Presidenta da Asociación Down Lugo, María José Blanco, inauguraron este martes Enfocando Historias. Trátase da nova exposición que o Goberno da Deputación leva á Capela de Santa María ata o 29 de outubro, con entrada totalmente gratuíta. Recolle 36 fotografías realizadas polos usuarios deste colectivo. García Porto explicou que “con esta mostra, dende o Executivo Provincial queremos trasladar e incidir na nosa mensaxe -á que nunca renunciaremos- de que todos as persoas temos capacidades diferentes. Algunhas delas extraordinarias, que son as que fan posible a elaboración de proxectos artísticos como o que hoxe nos enorgullece traer a esta sala exposicións, que xa é un espazo de referencia cultural na cidade de Lugo. Dende o Goberno Provincial, que traballamos por unha Deputación coas persoas e que defende a igualdade de oportunidades, queremos, xunto ás familias de Down Lugo, reivindicar, e deste xeito, concienciar á cidadanía sobre as capacidades diferentes que temos todas as persoas por igual”, subliñou García Porto. No acto, tamén participaron a Concelleira de Benestar, Ana González Abelleira, e o Delegado Territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.
Enfocando historias é o título do proxecto de fotografía que Down Lugo presentou á III Convocatoria de actividades de Voluntariado da Fundación Telefónica. Deste xeito, as 36 fotografías que forman a colección foron elaboradas por 18 usuarios deste colectivos coa colaboración dos voluntarios da Asociación Sénior de Telefónica de Lugo (ASTELU) e baixo a dirección da fotógrafa Aleksandra Dmitrieva.
Os artistas involucrados neste proxecto inventáronse catro historias, que, posteriormente, plasmaron en fotos. Así, cada historia está contada e secuenciada nun máximo de 10 instantáneas. Retratos, paisaxes, documental... son algúns exemplos das fotografías desta mostra, todas elas cun único escenario, que é a praia de Peñarronda.
O horario da mostra é de luns a venres de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.