O BNG solicitará no Parlamento un financiamento para o Mupav de Vilalba
O BNG presentará no Parlamento unha iniciativa para solicitar á Xunta de Galicia “financiamento suficiente e estable” para o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba que non recibe ningún recurso da administración autonómica desde 2011.
A parlamentaria nacionalista Olalla Rodil e a responsable local do BNG vilalbés Pilar Prieto, acompañadas por militantes da formación, visitaron o centro, con estragos visibles pola rotura dunha tubería sen reparar.
Rodil recolleu as demandas do director do centro, Eduardo Ramil, quen, mais aló da intervención urxente para atallar as humidades, explicou a precaria situación na que se atopa o museo pola falta de financiamento.
O centro, que alberga a mellor e máis completa colección da Idade da Pedra Lascada do noroeste peninsular, con restos da ocupación humana máis antiga de Galicia , depende orzamentariamente do concello de Vilalba, mais ata o 2011 recibiu tamén, a través de convenios, achegas da Xunta de Galicia .
A diminución do orzamento municipal e a suspensión dos convenios por parte do goberno galego dificultan a actividade do día a día no centro e as tarefas de investigación dos fondos, indispensable para actualizar o coñecemento sobre os primeiros asentamentos humanos no noso territorio.
Rodil pediu a Xunta de Galicia e ao concello de Vilalba “que actúen de forma conxunta” e “ proporcionen os recursos económicos e materiais necesarios para garantir o futuro do museo e dos traballos de investigación que desenvolve a partir dos seus fondos”.
A parlamentaria incidiu en que “os museos non son só contedores de elementos patrimoniais se non que desenvolve unha importante labor de coñecemento e divulgación da historia, por iso a súa influencia vai moito máis alá da vila ou comarca en que se asentan, son fundamentais para o país”