Modificada a campaña 'Vai de Peixe' ás novas circunstancias

TerraChaXa | LugoXa
8 Maio 2020

A campaña Vai de Peixe, de promoción do consumo de produtos do mar entre os millennials galegos, reformúlase e adáptase ás circunstancias derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus. Este cambio supón a programación de actividades novas e vinculadas coa difusión do mar e o consumo dos seus produtos, entre elas, charlas en directo en Instagram, concursos, retos e sorteos que contarán coa colaboración dos catro influencers da iniciativa e adaptados ao contexto actual marcado pola COVID-19. 

Estas novas accións que se realizarán ao longo deste mes e en xuño, difundiranse fundamentalmente no perfil de Instagram desta iniciativa e na súa páxina web e nelas animarase á participación das persoas cunha idade comprendida entre os 18 e os 35 anos. Farase fincapé de xeito ameno en aspectos como a importancia de manter unha alimentación saudable e o consumo habitual de peixes e mariscos nesta época. 

Algunhas delas estarán protagonizadas polos catro influencers e prescriptores e dinamizadores da campaña, que son a atleta olímpica Ana Peleteiro, a presentadora Eva Iglesias e os youtubers Percebes y Grelos e Coque Macho e iranse difundindo progresivamente a través da web, o perfil de Instagram, o Facebook e o canal de Youtube de Vai de peixe

Así, entre as actividades contempladas para estes dous meses están sesións en directo de preguntas e respostas no Instagram con Ana Peleteiro, sobre a súa rutina actual de alimentación, na que teñen moita presenza os produtos da pesca e da acuicultura, e sobre como adestra desde a casa con consellos para unha boa práctica deportiva nesta época. 

Tamén se realizarán algúns directos de Instagram nos que participarán algúns influencers de Vai de peixe, que charlarán entre eles e nos que estarán presentes dalgún xeito os produtos do mar. Un deles contará coa colaboración da cantante e compositora galega Sabela Ramil. Ademais está prevista a organización de concursos, entre eles un vencellado co Día das Letras Galegas, e outros con fotografía nos que o fío condutor será o eido do mar e os produtos da pesca e da acuicultura e algún reto relacionado coa música e o ámbito marítimo-pesqueiro.   

Deste xeito, Vai de peixe recíclase para continuar animando á xuventude no actual contexto a consumir produtos da pesca e da acuicultura promovendo as súas propiedades nutricionais e amosándolle a versatilidade gastronómica destes produtos cos que en pouco tempo se pode conseguir un prato ou aperitivo saboroso con peixe e marisco como protagonista. Ao mesmo tempo anima aos millennials a dar renda solta á súa creatividade desde a súa casa promovendo o consumo de peixe e os coñecementos ligados ao mar.  

0.23408508300781