4 millóns de euros para o orzamento de 2022 de Guitiriz
O goberno local de Guitiriz aprobou en pleno (votos a favor do PSOE, abstención do BNG e en contra do PP) os orzamentos do Concello para o ano 2022. Un documento equilibrado en gastos e ingresos que ascende a 4.020.444,42 euros e no que a prioridade absoluta son as necesidades sociais.
Ao igual que no documento de 2021 optouse polo criterio de prudencia e na súa elaboración non se inclúen as habituais subvencións que recibe o Concello por parte doutras administracións (Plan de Mellora de Camiños, Fondo de Compensación Ambiental...). Ademais, tampouco se incorpora a dotación do Plan Único da Deputación de Lugo polo que, cando se fagan efectivas estas axudas, o Orzamento verase incrementado.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, reiterou no pleno que “a aposta deste goberno polos servizos sociais é innegociable, tentando tamén manter e mellorar na medida do posible as infraestruturas, os servizos e todo aquelo que viña percibindo a veciñanza” e destacou que “o Concello atópase nunha situación saneada, cun remanente de tesourería de máis de dous millóns de euros que, ao igual que neste ano, nos permitirá executar novos investimentos non contemplados no orzamento”.
ORZAMENTO SOCIAL
O apartado de gastos correntes ascende a 3.947.944,42 euros nos que destacan os destinados ao persoal municipal e que se xustifican en que a maior parte dos servizos ofréceos o Concello sen recorrer á externalización (servizos sociais, recollida de lixo, mantemento de espazos públicos, de potabilizadoras e depuradoras…).
O Concello de Guitiriz conta cun servizo de Axuda no Fogar que se mantén con medios propios e que neste momento conta con 28 prazas, das cales 24 xa están cubertas en propiedade grazas aos procesos selectivos realizados e as 4 restantes volverán a convocarse no 2022. Ademais, creouse unha nova praza como é a da traballadora social para poder mellorar o servizo ofertado.
Tamén se inclúen neste apartado 77.700 euros para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, e axudas de emerxencia social a familias e particulares para as que continúa crecendo ano tras ano a cantidade consignada, sendo 4.500 euros superior á de 2021. Ademais, mantense a partida de 20.000 euros para financiar as bolsas de formación, material escolar, axudas ao transporte e outras de ámbito educativo.
INVESTIMENTOS
O anexo de investimentos ascende este ano a unicamente 60.000 euros, superando aínda así os 20.000 euros consignados en 2021 para este fin, xa que, como se explicou anteriormente, optouse por non incluír as cantidades a percibir a través doutras administracións como pode ser o Plan Único da Deputación de Lugo, o Fondo de Compensación Ambiental e outras.
Marisol Morandeira explicou que “esta cantidade non é representativa do investimento real que se fará ao longo do ano” e aclarou que neste capítulo “pretendíase ser máis ambicioso pero temos que ser prudentes dada a complicada situación económica e a previsión de que o ano 2022 poida ser complexo á hora de recadar determinados impostos como por exemplo taxas por licenzas, actividades...”
Por outra banda, está previsto que se executen no 2021 o proxecto de modernización da planta potabilizadora co obxectivo de continuar mellorando a calidade da auga en Guitiriz e para o que xa se conta cunha subvención do IDAE por importe de 261.290,68 euros.
GASTOS E BENS CORRENTES
Marisol Morandeira quixo facer fincapé en que é necesario “facer un esforzo, entre todos, cada un aportando o seu gran de area” para reducir o noso gasto corrente” e puxo como exemplos “a selección do lixo, dado que se rebaixamos a cantidade de impropios nos contedores verdes suporá un aforro nas facturas de SOGAMA e un incremento nos ingresos pola recollida dos contedores amarelos, na utilización dos puntos agrícolas de plásticos porque se depositamos só o que se debe o baleirado será moito máis sinxelo e económico e, tamén, no coidado do noso mobiliario”.
No apartado de dinamización social, turística, económica e de promoción continúa a aposta firme de promocionar os produtos locais e o potencial ambiental dos diferentes espazos do municipio.