40 anos da mostra de prensa mundial

Comezaba o verán de 1985 e o sol golpeaba con forza na Praza Maior de Lugo. Nas terrazas do cantón, Xosé apuraba un café con xeo, pois debía continuar a súa viaxe cara a Vilalba. Alí agardábano tres rapaces inquedos por examinar con emoción o contido das caixas que transportaba no maleteiro do seu carro. Eran os tempos de «Live Aid», o meirande concerto da historia, que soaba acotío nas radios do mundo.
Xosé Sánchez Domínguez residía na Coruña, onde exercía como director de relacións externas de Grandes Almacenes Barros, empresa propiedade dunha coñecida familia de Sada afincada na cidade herculina. Á marxe da súa actividade profesional, Xosé cultivaba moitas afeccións. Entre elas, coleccionar publicacións de todo o planeta e de calquera época; a máis antiga que conservaba era de comezos do século XX, un exemplar de «La Voz de la Verdad», xornal de corte católico e antiliberal, editado precisamente en Lugo pola saga Sánchez Arrieta.
A visita de Xosé mantiña en vilo aos tres rapaces: quen escribe estas liñas, o meu irmán Mario e o noso amigo Paulo. Xuntos tiveramos a orixinal idea de lanzar un xornal pola nosa conta dous anos atrás, que demos a coñecer como «A Voz de Vilalba», seguramente polo paralelismo coa denominación de «La Voz de Galicia», porque un dos nosos soños daquela era converternos no futuro en redactores do diario de maior difusión. No noso caso, acadamos unha tiraxe de 500 exemplares e máis de 150 subscriptores.
Coma moita xente, Xosé Sánchez coñeceunos por casualidade, coincidindo cunha parada “de paso” na Casa dos Marios, a medio camiño nun dos habituais traxectos que facía dende Ferrol á Coruña. Era unha ocasión moi especial, dado que as caixas que portaba estaban cheas de xornais e revistas, tanto do Estado español como do estranxeiro. Todos orixinais e con portadas históricas: a promulgación do Estatuto de Galicia en 1936 e o golpe de estado que provocou a Guerra Civil -con publicacións de ambos bandos-, a segunda guerra mundial, o magnicidio de JFK, a revolución cubana e o posterior asasinato do Ché Guevara en Bolivia, a revolta de París no 68, a morte de Franco, a aprobación da Constitución de 1978 ou a xornada do 23-F, eran algunhas das novas máis significativas que aparecían nas súas páxinas.
Aquelas publicacións foron recibidas por nós como un auténtico tesouro. Xosé deixounos unha morea de caixas durante varios meses, tempo suficiente para que os editores de «A Voz de Vilalba» organizaramos con éxito a «I Mostra de Prensa Mundial», que sería inaugurada oficialmente o 30 de agosto de 1985 polo entón presidente da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor, e polo alcalde da capital da Terra Chá, Xosé María García Leira, que asistiron ao evento acompañados por Manuel Fraga Iribarne.
A iniciativa foi espallada por numerosos xornais e distintas emisoras de radio, nun verán no que precisamente comezaba a andaina da Televisión de Galicia. Lembro que asistimos en directo á primeira emisión, na tarde do 24 de xullo de 1985, cando pasabamos as horas xogando ao fútbol nas instalacións do Insua Bermúdez. Foi emocionante ver a primeira carta de axuste, que apareceu en pantalla ás 18:30 horas. Ao noso carón, o mestre Xosé González Barcia (don Chema).
Sendo voceiro do proxecto daquela mostra, fun entrevistado por históricos das ondas, como Pepe Tuñas Bouzón (1921-1987) en Radio Nacional de España, Luis Rial (1942-2024) na Radio Galega, e o vilalbés Xulio Xiz (1947-presente) en Radio Popular de Lugo. Para min foi unha oportunidade extraordinaria, conectoume directamente con prestixiosos profesionais dos medios e fixo posible que comezara a colaborar semanalmente en «El Progreso», cando me propuxeron como correspondente en Vilalba.
Estes feitos contribuíron a consolidar a miña vocación xornalística e a encamiñar todos os meus esforzos para orientarme no oficio. O meu obxectivo estaba claro: ingresar na Facultade de Ciencias da Información en Madrid para licenciarme en xornalismo.
Xosé Sánchez Domínguez finou na Coruña a comezos de 2006, uns meses antes de que saíra á rúa a edición facsimilar de «A Voz de Vilalba», unha iniciativa promovida polo Instituto de Estudios Chairegos e outras entidades. Foi un home polifacético, escribía con certa frecuencia en «El Ideal Gallego» e incluso chegou a colaborar nas páxinas de «A Voz de Vilalba» cun artigo (“Doazón de sangue e solidariedade humán”, incluído no número de xaneiro de 1986). Mantiven correspondencia e contacto puntual con el ata os seus derradeiros días.