Burela terá actividades pola Semana Europea da Mobilidade
O equipo de goberno do Concello de Burela presentou os actos da Semana Europea da Mobilidade, que desenvolverán dos días 16 ao 22 de setembro.
O programa dará comezo o vindeiro mércores, día 16, con dúas charlas sobre Educación Vial, impartidas por persoal da DXT, para alumnos de 4º de Primaria nos CEIP Virxe do Carme e Vista Alegre.
O día 17 o Concello continuará coa súa campaña Garda os teus contactos, co fin de previr os contaxios de covid, en diferentes rúas da vila.
O 18 de setembro de 17:00 a 20:30 horas celebrarase un obradoiro de xabóns artesanais e mediciñais, que terá lugar na Praza de Abastos. Para participar é necesario anotarse no teléfono 647 136 673. O número de prazas é limitado e poderán participar só persoas empadroadas no Concello de Burela.
O día 19 entre as 10:30 e 13:30 horas desenvolverase a ruta xeolóxica Monte Castelo e para participar será necesario inscribirse. Ás 11:00 horas haberá un obradoiro de cartón na Biblioteca Municipal, onde previamente terán que anotarse as persoas interesadas.
O 20 de setembro de 8:00 a 20:00 horas a rúa Rosalía de Castro permanecerá cortada ao tráfico entre as interseccións das rúas Eijo Garay e Curros Enríquez. E ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal, haberá cine infantil.
O 21 de setembro celebrarase unha charla de Educación Vial, impartida por persoal da DXT, para alumnos da ESO do IES Perdouro; e o 22 celebrarase un obradoiro de Stop Accidentes cos alumnos de 4º da ESO do IES Perdouro.
Ademais, durante toda a Semana Europea da Mobilidade, o Concello de Burela organiza un concurso de selfies no Instagram da Concellería de Medio Ambiente, baixo o lema Por unha mobilidade sen emisións. Entre todos os selfies que se suban sortearase unha cea, valorada en 100 euros, nun local de Burela. Tamén durante a SEM haberá un sistema gratuíto de préstamo de bicicletas eléctricas, na Praza do Concello, de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.
Desde o equipo de goberno animan á cidadanía “a participar nas actividades da Semana Europea da Mobilidade, seguindo todas as indicacións e as medidas de seguridade postas en marcha para facerlle fronte ao covid-19”.