438 atletas participarán na Pastoriza este domingo na súa segunda carreira popular

O concello da Pastoriza, xunto coa Asociación de Comerciantes e Empresarios da Pastoriza, organizan a segunda carreira popular e andaina da localidade.
Tras o éxito da primeira edición, esta proba deportiva regresa con máis forza este domingo coa intención de consolidarse como unha cita imprescindible no calendario.
O evento incluirá unha andaina non competitiva, pensada para todas as idades, e tamén carreiras en todas as categorías, dende os máis pequenos ata os veteranos, con percorridos adaptados para cada grupo. Trátase dunha xornada para gozar do deporte, da convivencia e de hábitos de vida saudables en familia e entre veciños.
Comezarán os máis pequenos ás 11.00 horas e media hora máis tarde será a andaina, de 4,5 quilómetros. Ás 11.30 horas será a quenda dos adultos, que percorrerán 7 quilómetros.
Ás 13.30 horas está prevista unha exhibición de zumba con Las Resilientes e rematarán a mañá cunha sesión vermú.
Os premios serán para os tres primeiros da absoluta masculina e tres para a feminina en cada unha das categorías. Haberá un agasallo especial para os corredores empadroados no Concello da Pastoriza que quedaran nos tres primeiros postos da carreira absoluta.
Tamén haberá medalla para todos os nenos participantes nas probas infantís e trofeo para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos de cada unha das categorías excepto os máis pequenos.