45 familias do Valadouro súmanse á Cooperativa de vivendas sociais para vivir no seu Concello

TerraChaXa | AMariñaXa
21 Maio 2019

45 familias do Valadouro súmanse á Cooperativa de vivendas sociais que impulsa o Concello para vivir no municipio. Así o informou o alcalde, Edmundo Maseda, acompañado do presidente da Deputación, Darío Campos, durante unha visita ao solar onde se edificarán os bloques de vivendas. O PSOE dende o Goberno da Deputación achegou 137.000 euros e o Concello outros 37.000 euros para a adquisición dos terreos situados na esquina da avenida Veiga coa rúa Rosalía de Castro, cunha extensión de 2.000 metros cadrados. Nestes momentos, o Executivo Municipal está redactando o proxecto para adaptarse á normativa vixente e sacalo a licitación, sobre uns 1,2 millóns de euros.
O alcalde destacou que se trata dun proxecto pioneiro na provincia “co que queremos que a xente nova teña acceso a unha vivenda digna por un módico prezo porque vemos como hai moitas familias no Concello con alugueres elevados que se están marchando a outros municipios porque co soldo que teñen non lles chega para pagalos. Para o equipo de Goberno o noso compromiso foi sempre facer do Valadouro un lugar atractivo para que as familias desenvolvan o seu proxecto de vida. E o queremos facer realidade poñendo facilidades a todas esas persoas”.
Edmundo Maseda explicou que “o faremos a través dunha Cooperativa para que sexan os propios socios os que financian os pisos coas súas hipotecas e lles saia a prezo de custe. Con este modelo público de vivendas familiares aos propietarios sairalles por uns 400 euros o metro cadrado, é dicir, que un piso de 120 metros cadrados estará por debaixo dos 50.000 euros. Un prezo alcanzable para calquera veciño que estea pensando en mercar unha vivenda”.
Un total de 46 vivendas situadas no centro de Ferreira
O rexedor socialista subliñou que “xa está feita a distribución das 46 vivendas, cunha media de 120 metros cadrados cada piso, con 3 ou 4 dormitorios. Contarán con prazas de garaxe e trasteiros. Os domicilios estarán localizados no centro de Ferreira, nun entorno privilexiado, pois os propietarios terán o centro de saúde e o colexio ao carón”.

0.11878609657288