50 anos de Xermolos, facendo comunidade para a Terra Chá

Cincuenta anos despois da súa fundación en Guitiriz, a asociación Xermolos celebra en 2026 un aniversario que non é só unha efeméride, senón unha reafirmación do seu compromiso coa cultura, a lingua e a identidade da Terra Chá. Así o expresa o seu presidente e fundador, Alfonso Blanco, que fala deste momento cunha mestura de memoria, gratitude e ilusión de futuro.
“Cada día ten a súa mensaxe. Este é un ano especial, pero todos os anos teñen os seus obxectivos”, sinala Blanco. O 50 aniversario será, sobre todo, un tempo para lembrar ás persoas que xa non están fisicamente, mais que forman parte inseparable do tecido asociativo que foi medrando arredor de Xermolos.
A programación combinará as citas habituais do calendario anual con propostas extraordinarias. Entre elas, a organización dun congreso arredor da cultura no rural, que sirva para reflexionar sobre o pasado e o presente do movemento cultural galego fóra das cidades.
O aniversario arrancou coa publicación dun almanaque para 2026 e continuará coa edición dun caderno monográfico dedicado á achega de Xermolos á música ao longo destas cinco décadas, nunha homenaxe especial ao mestre Xesús López Ares, figura clave na traxectoria musical da entidade.

O SEGREDO
Cando se lle pregunta polo segredo dunha continuidade tan longa, Alfonso Blanco non dubida: “A valoración da igualdade e da pluralidade na sociedade que estamos a construír, grazas a un voluntariado xeneroso e creativo”.
Para el, o espírito de Xermolos está no voluntariado que se vai sucedendo xeración tras xeración, dende a liberdade e a creatividade de cadaquén. A iso súmase o fondo aprezo pola identidade chairega: a paisaxe, a fala, a historia e as artes que conforman o ser da Terra Chá.
Máis ca unha estrutura formal, Xermolos defínese como unha comunidade viva, onde o importante non son os números senón o compromiso. “Non queremos cifras; valoramos o esforzo e o traballo en común”, insiste o presidente.
A asociación naceu en Guitiriz, pero co paso do tempo foi estendendo a súa presenza e colaboración a outras localidades e comarcas. Un dos grandes escaparates deste espírito aberto é o Festival de Pardiñas, onde a música galega dialoga coas músicas doutros pobos.
Segundo Blanco, o respecto polas diferenzas marcou a historia de Xermolos. Ao longo dos anos, foron convocados a encontros e eventos en distintas comarcas galegas, compartindo a súa experiencia e aprendendo doutras asociacións, tanto de Galicia como de fóra. “Estes encontros arrequecen a nosa andaina e fan pobo”, resume.
O SIGNIFICADO DUN NOME
O propio nome da entidade encerra toda unha declaración de intencións. Os “xermolos” son os brotes das plantas, como nas patacas, que concentran a enerxía vital sen esquecer a raíz e a terra que os alimenta.
Para Alfonso Blanco, esa metáfora é clara: “Os Xermolos son a xente moza que está a dar pulo á veciñanza e á comunidade”. Así conciben o labor asociativo: como un brotar constante, enraizado na tradición pero proxectado cara ao futuro.
Ao longo do ano, Xermolos impulsa ou colabora nun amplo abano de actividades: a celebración do Entroido, a Cabalgata de Reis, a Festa da Fala en maio, certames dirixidos á infancia e á mocidade, ou a Festa da Dignidade no Pedregal de Irimia, en colaboración coa Irmandade Manuel María.
Tamén forman parte do seu calendario a lembranza de Manuel María en Outeiro de Rei cada 8 de setembro ou o Paseo dos Soños en Vilalba, iniciativas que mesturan memoria, reivindicación e participación cidadá.
De cara aos vindeiros anos, o obxectivo é claro: escoitar máis á veciñanza e fortalecer o traballo en rede con outros colectivos. Xermolos quere seguir reivindicando a música como canle de comunicación durante todo o ano, dar a coñecer o patrimonio chairego e ofrecer espazos para que as crianzas e a mocidade expresen as súas emocións e talentos.
Cincuenta anos despois, Xermolos continúa a brotar. Non como unha institución ancorada na nostalxia, senón como un movemento que entende a cultura como ferramenta de cohesión social, identidade compartida e esperanza colectiva.