O PSOE demandará ao PP por ocultar os datos dos infartos

TerraChaXa
O Secretario Xeral do PSOE pola Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, xunto á Presidenta da Executiva Provincial Socialista e Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e ao Secretario de Sanidade, Miguel Fernández Méndez, indicou que o Partido Socialista acudirá aos tribunais xa que o Partido Popular, dende a Xunta de Galicia, "segue a non facer públicos os datos do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam) no que se ampara para non dotar ao HULA de Hemodinámica as 24 horas dos 365 días aos ano, facendo caso omiso a todos os informes científicos que acreditan a necesidade deste servizo na provincia lucense".
21 Feb 2018

O Secretario Xeral do PSOE pola Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, xunto á Presidenta da Executiva Provincial Socialista e Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e ao Secretario de Sanidade, Miguel Fernández Méndez, indicou que o Partido Socialista acudirá aos tribunais xa que o Partido Popular, dende a Xunta de Galicia, "segue a non facer públicos os datos do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam) no que se ampara para non dotar ao HULA de Hemodinámica as 24 horas dos 365 días aos ano, facendo caso omiso a todos os informes científicos que acreditan a necesidade deste servizo na provincia lucense".

Santos Ramos explicou que este “ultimátum ao Partido Popular” ten lugar tras os seguintes feitos por parte do Partido Socialista:

1º.- Modificar o proxecto do HULA para incluír servizos como Hemodinámica as 24 horas, que o PP non contemplaba. Estando na presidencia da Xunta de Galicia, os socialistas modificaron o proxecto inicial do Hospital de Lugo para dotalo de servizos imprescindibles, “que o Partido Popular xa non contempla para os lucenses”, como o de Hemodinámica as 24 horas, co obxectivo de que os veciños da provincia non tivesen que desprazarse a outras provincias para ser tratados. No ano 2009, antes da entrada do PP no goberno galego, o Partido Socialista deixou listo na provincia de Lugo un Hospital de referencia, non só en Galicia, senón tamén en Europa, ao contar coas máis avanzadas tecnoloxías para ofrecer, entre outras importantes prestacións sanitarias, Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia ou Medicina Nuclear.

“O PP foi capaz de dicir que deixamos un hospital baleiro e sen servizos, sendo esta xa a primeira mentira do PP ao respecto do HULA e a primeira mostra do maior dos desprezos que o Partido Popular tiña previsto para os lucenses. Dende o PSOE deixamos, non só feito o hospital, senón 38 millóns no Orzamento de 2009 da Xunta de Galicia para o equipamento. Pero o Partido Popular decidiu paralizar a contratación do mesmo, ata máis de 6 meses no caso daqueles concursos públicos que xa deixamos listos, coa única intención de tentar borrar da memoria dos lucenses, burlándose, como de costume, da nosa intelixencia, de que o HULA foi un proxecto, por xustiza, do PSOE para todos os lucenses; e de preparar o terreo para deixarnos, por puro capricho político, sen Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia ou Medicina Nuclear”, explicou.

2º.- Ter presentadas 84 iniciativas no Parlamento de Galicia esixindo a posta en marcha destes servizos. “Ante a primeira sospeita que tivemos do que é, sen dúbida algunha, o maior dos desprezos do PP cara os lucenses, dende o PSOE non quedamos quedos e defendemos, dende o primeiro momento, a apertura dun hospital en Lugo con Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, tal e como os socialistas proxectamos e deixamos listo co seu orzamento para facelo. Empregamos todas e cantas vías institucionais están ao noso alcance, chegando a rexistrar no Parlamento de Galicia, dende 2009 e ata onte mesmo, 84 iniciativas na defensa destas prestacións fundamentais para a vida de calquera cidadán”.

“Xa en maio de 2009, todos os compañeiros do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, absolutamente todos, esiximos a comparecencia da Conselleira de Sanidade para que explicase cando o Partido Popular tiña previsto implantar estas prestacións no noso hospital. Non compareceu. Ao mes seguinte, en xuño de 2009, Feijóo fixo a primeira visita ao HULA e asegurou que este estaría aberto antes do verán do 2010. Pasada esta data e co hospital pechado, a partires de finais de setembro do 2010, dende o PSOE presentamos ata 4 iniciativas parlamentarias, esixindo estas prestacións e preguntando ao PP as súas previsións para a súa posta en marcha. Non contestaron”.

“Iniciamos o ano 2011, presentando en xaneiro outras 4 iniciativas parlamentarias, reclamando estas prestacións e preguntando ao PP polas súas previsións, que sempre se limitou a dicir, mentindo, que estaban traballando na súa implantación. Un mes despois das iniciativas do Partido Socialista, en febreiro de 2011, Feijóo inaugurou o HULA e dixo, textualmente, que os pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poderán ser atendidos no hospital público de Lugo ao longo deste ano. Mentiu”.

“Durante os anos 2011 e 2012, dende o Partido Socialista presentamos ata 4 Proposicións non de Lei, esixindo ao Partido Popular a posta en marcha destes servizos, fixando inclusos prazos para facelo. O PP chegou a apoiar estas iniciativas, pero non as cumpriu. O traballo do Partido Socialista continuou no 2013, ano no que presentamos outras 5 iniciativas parlamentarias en defensa da inmediata implantación no HULA de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear”.

“Tras ter presentado 25 iniciativas parlamentarios na defensa destas prestacións na nosa provincia dende 2009 e ata 2013, obtendo mentiras e un absoluto desprezo por parte do Partido Popular cara os lucenses; o noso traballo viuse fortemente reforzado co apoio dos propios veciños. A finais do 2013, máis de 41.000 lucenses se sumaron ás nosas reivindicacións, presentando unha ILP e esixindo a inmediata implantación destas prestacións no HULA. O Partido Popular non foi capaz nin de respectar á ILP co maior apoio na historia do Parlamento de Galicia, pois presentaron emendas á mesma, desvirtualizándoa”.

3º.- Ter presentado ata 14 iniciativas parlamentarias solicitando os datos do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam), que o PP xerou no 2015 e no que se ampara para non dotar á provincia de Hemodinámica as 24 horas dos 365 días do ano. Santos Ramos lembrou que o PP fai caso omiso a todos os criterios científicos que avalan a necesidade de implantar esta prestación na provincia. Por exemplo, a Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) mantén que nunha área maior de 300.000 habitantes, como a da provincia de Lugo, deber existir unha Unidade de Críticos Cardiólogos, cardiólogos presentes as 24 horas dos 365 días ao ano, programas de anxioplastia primaria ou un proceso organizado de rehabilitación cardíaca multidisciplinar. O OMS sostén que é necesario que non se supere o prazo de 120 minutos para recibir unha anxioplastia primaria, pois en este caso poder haber serias secuelas e incluso a morte nun prazo de 1 e 2 anos.

Con todo, o PP dende a Xunta de Galicia decidiu crear o Rexistro Galego de Infarto (Regaliam) e ampararse en criterios políticos para decidir se abre ou non Hemodinámica as 24 horas no HULA. Nunca fixo público os informes do Regaliam, aínda que o Partido Socialista solicitou acceso aos mesmos a través de 14 iniciativas parlamentarias (7 no 2016 e 7 no 2017).

A única información que de xeito verbal facilitou o Partido Popular na primavera de 2016 foi un resumo dun informe do Regaliam (que nunca entregou aos grupos políticos no Parlamento nin publicou) con datos de xuño a decembro de 2015, é dicir, coa sala de Hemodinámica en horario de oficina no HULA (de 8 da mañá a 3 da tarde). O PP asegurou publicamente que o tempo medio de resposta na provincia de Lugo (dende a chamada ao 061 e ata a apertura da arteria afectada polo infarto) superou os 192 minutos (máis de 3 horas). Trátase da maior demora en Galicia, pois son 82 minutos máis que en Santiago, 58 máis que na Coruña, 41 máis que en Pontevedra e 23 máis que en Ourense.

Sobre mortalidade, os últimos datos que se coñecen son dun estudo do INE do 2013, que apunta que a mortalidade por infarto de miocardio en Lugo duplica a media estatal. A taxa de mortalidade na provincia lucense é a maior de Galicia. Por cada 100.000 habitantes, hai 76 mortos en Lugo, 56 en Ourense, 46 na Coruña e 33 en Pontevedra.

“Acabouse a paciencia. Algo deben ocultar cando non mostran estes informes”

Santos Ramos destacou que “ao Partido Socialista na Provincia de Lugo acabóuselle a paciencia. Imos a facer un esforzo máis por conseguir que todos os lucenses saiban os datos reais de mortalidade, de tempo de atención, de morbilidade....dos pacientes que sofren un infarto na nosa provincia e son tratados en Lugo en horario de oficina ou son trasladado a outros hospitais. Imos a facelo, unha vez máis, solicitando todos estes datos. Se no prazo legal dun mes non nos contestan e facilitan esta información, acudiremos ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a un procedemento de defensa dos dereitos fundamentais para que cumpran coa obriga de información e de transparencia que teñen todos os cidadáns a través dos seus representantes no Parlamento. Non descartamos calquera outra vía. Non imos a consentir que segan enganando, conscientemente, aos veciños e veciñas da provincia de Lugo. É o último esforzo, o último trámite que facemos a nivel institucional despois de 14 peticións no ano 2016 e 2017 e despois de que o PP non facilitase ningún informe máis alá das valoracións ou opinións sobre uns datos que non sabemos se coñecen ou se existen porque non facilitan esta documentación. Algo deben de ocultar cando non se mostran estes informes a todos os veciños e veciñas. Sospeitamos que ocultan que realmente seguen habendo máis mortes e máis persoas con secuelas na provincia de Lugo por ter que desprazarse á Coruña para ser atendidos”.

“Cumpreanos dos incumprimentos do PP, que lle pese máis o código postal que o ético”

Méndez López destacou que “as citas do PP e de Feijóo en Lugo, por desgraza, xa se compren por mandatos e por aniversarios. Son 7 anos de incumprimentos de Hemodinámica as 24 horas, 10 anos de incumprimento do Museo da Romanización, 19 anos de incumprimento do Plan Paradai, 9 anos de incumprimento da Intermodal, 8 anos de incumprimento da rehabilitación do Barrio da Residencia, 40 anos sen unha residencia da terceira idade....por desgraza temos que facer cumpreanos dos incumprimentos da Xunta do PP. Ao Partido Popular lle pesa máis o código postal que o código ético”.

Logros acadados na rúa ou no seu defecto nos xulgados

A Alcaldesa engadiu que “os logros que fomos acadando foron na rúa, cando debemos acadalos nas institucións. E mostra delo é que iniciativas non faltaron. 84 iniciativas do Partido Socialista reclamando Hemodinámica 24 horas. Peticións tampouco. 14 pedindo os datos nos que se amparan para non dotar a Lugo deste servizo imprescindible. Pero parece que temos que conseguir os logros na súa ou no seu defecto nos xulgados. O que debemos dicirlle ao Partido Popular é que basta xa coa discriminación de Lugo”.

Deste xeito, tras as 25 iniciativas parlamentarias que presentou o PSOE e as máis multitudinarias manifestacións vistas nunca na provincia; o PP decidiu pór en marcha marcha Hemodinámica en horario de oficina en abril de 2014, tres anos e dous meses despois do anuncio de Feijóo durante a inauguración do HULA, que foi o 26 de febreiro de 2011; o PP anunciou Radioterapia no HULA en vésperas das eleccións municipais de maio do 2015. Non se puxo en marcha ata marzo de 2016 e mediante unha doazón. É dicir, fíxoo cinco anos e un mes despois do anuncio de Feijóo. Medicina Nuclear non comezou a funcionar ata agosto de 2016, apenas un mes antes das eleccións autonómicas. É dicir, cinco anos e seis meses despois do anuncio de Feijóo durante a inauguración do HULA, en febreiro de 2011.

Despois de 7 anos de incumprimento remata a “vía pacífica”

O Secretario Xeral engadiu que “despois de 7 anos de incumprimento por parte do PP e de Feijóo, non tendo no HULA o servizo de Hemodinámica as 24 horas dos 365 días que se require, rematamos a vía institucional e pacífica”. Deste xeito, o PSOE presentou onte varias iniciativas parlamentarias solicitando a seguinte información: cantos doentes de infarto recibiron un tratamento de hemodinámica no HULA nos anos 2014, 2015, 2016, 2017 e no mes de xaneiro de 2018; cantos doentes de infarto foron trasladados dende o HULA ou calquera outro dos centros sanitarios da provincia de Lugo ao Hospital Universitario da Coruña nos anos 2014, 2015, 2016, 2017 e no mes de xaneiro de 2018; copia de todos os datos contidos no Rexistro Galego de Infarto Agudo de Miocardio (salvo aqueles protexidos pola lei) dende a súa creación no ano 2015 e ata a actualidade; copia de todos os informes emitidos dende 2016 ata a actualidade, segundo afirmou o director xeral de Asistencia Sanitaria na Comisión e Sanidade do 13 de decembro de 2017, pola Comisión de Control e Seguimento do Rexistro Galego de Infarto Agudo de Miocardio.

O PP ten un prazo legal dun mes para contestar segundo establece o artigo 9 do Regulamento do Parlamento Galego. No caso de non ofrecer esta información, como fixeron ata o de agora, o PSOE presentará un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a través do procedemento especial para a protección dos dereitos fundamentais, regulado no Capítulo I do Título V da Ley Reguladora da Xurisdición Contenciosa-Administrativa.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17852091789246