64 veciños das Pontes participan nunha nova edición do programa Sénior da Universidade da Coruña

Sesenta e catro veciños e veciñas das Pontes, maiores de 50 anos, participan na sétima edición do Programa de Democratización do Coñecemento que impulsa a Universidade Sénior da Universidade da Coruña, co apoio da Xunta de Galicia e en colaboración do Concello das Pontes.
Tania Pardo Cabarcos, concelleira delegada da Área de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación do Concello das Pontes e Elena Arce Farina, subdirectora e responsable do campus de Ferrol, foron as encargadas de inaugurar esta nova edición que, un ano máis “achégase ás persoas maiores de vila, coa intención de seguir dando resposta ás súas inquedanzas e necesidades formativas como vén facendo desde a súa primeira edición, no ano 2018” apuntou Tania Pardo.
Así mesmo, a concelleira de Benestar Social agradeceu a presenza do alumnado, facendo fincapé na importancia desta iniciativa xa que “achegar a Universidade Sénior á nosa localidade supón favorecer o encontro e o envellecemento activo, poñendo en valor a experiencia vital e profesional, dándolles, a todas aquelas persoas que non tiveron a oportunidade de pasar polas aulas universitarias, unha ferramenta de crecemento persoal”
O programa desenvolverase entre marzo e abril, estruturado en tres módulos temáticos, con sesións teóricas e prácticas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, dous días á semana. As áreas de coñecemento abordadas serán:
MÓDULO I: HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS
12 de marzo: “A Dirección Artística no Cine”, Profa. Victoria de León Sanjuán
13 de marzo: “A xestión do común: Unha visión desde a economía e os comics”, Prof. Manuel Gómez Suárez
18 de marzo: “Literaturas do Mundo: unha viaxe á orixe dos libros”, Profa. Elena Martín Cancela
MÓDULO II: CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA
26 de marzo: “(Bio)invasións en Galicia: mecanismo, impacto e xestión”, Prof. Sergio Rodríguez Roiloa
27 de marzo: “ADN Antigo e Evolución Humana: unha viaxe ao pasado a través dos nosos xenes”, Profa. Gloria Mª González Fortes
2 de abril: “Descubrindo a Intelixencia Artificial: retos, aplicacións e ferramentas”, Prof. Álvaro Michelena Grandío
MÓDULO III: CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE
9 de abril: “Enfermidades Cardiovasculares e Diabetes”, Prof. Luis Saleta Canosa
10 de abril: “O Cambio Climático: causas e consecuencias”, Prof. Salvador Fojón Polanco
23 de abril: “Boas Prácticas para o Coidado do Benestar Psicolóxico”, Prof. Carlos Freire Rodríguez
Clausura e xornada cultural na Coruña
O programa pecharase cunha xornada de visitas académicas e culturais na Coruña, que culminará co acto de clausura e entrega de diplomas o 24 de abril de 2025.
Con esta iniciativa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos da comarca pontesa, dando resposta ás súas inquietudes e necesidades formativas, como vén facendo desde a súa primeira edición en 2018.