Os sons ancestrais de Abraham Cupeiro chegan a Vilalba, Rábade e Guitiriz

TerraChaXa
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto anunciou que a Deputación desenvolverá unha programación cultural coa que o musicólogo sarriano Abraham Cupeiro realizará 20 accións en 16 concellos da provincia, para amosar o seu traballo de recuperación de instrumentos ancestrais.
abraham cupeiro
9 Abr 2018

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto anunciou que a Deputación desenvolverá unha programación cultural coa que o musicólogo sarriano Abraham Cupeiro realizará 20 accións en 16 concellos da provincia, para amosar o seu traballo de recuperación de instrumentos ancestrais. “Trátase dunha programación que inclúe actuacións nos concellos de Viveiro, Chantada, Monforte de Lemos e Vilalba, onde ofrecerá concertos abertos ao público en xeral. Ademais, realizará 16 concertos didácticos en centros educativos da provincia, serán concertos pedagóxicos, no que viaxará cos escolares ao pasado máis remoto a través dos instrumentos de vento”, sinalou a Deputada.

García Porto avanzou que “con esta iniciativa damos a coñecer a nosa gran riqueza musical e as nosas tradicións, empregando unha gran colección de máis de 200 instrumentos de Cupeiro, que van dende unha pequena frauta de óso (46OOO a.c) ata un gran Sousaphone orixinal do século XIX. Na colección, están representados instrumentos de todas as familias, lugares e épocas”.

A Deputada sinalou que “Cupeiro é un gran musicólogo que constrúe e fai soar instrumentos de máis de 2.000 anos como o 'karnyx', a gran trompeta céltica, ademais de traballar na recuperación de instrumentos ancestrais. Este sarriano, que conta cunha ampla formación musical, é capaz de interpretar melodías de distintas épocas con instrumentos moi antigos e complexos”.

García Porto explicou que “coincidindo coa celebración do Ano Europeo do Patrimonio, queremos levar aos centros educativos e ao público en xeral os sons ancestrais como o “karnyx”, unha trompeta celta de 3 metros de lonxitude, rescatada hai poucos anos, ademais das cornas, coas que Abraham recupera unha tradición perdida en Galicia utilizando instrumentos orixinais”.

Multiinstrumentista

O musicólogo Abraham Cupeiro (Sarria, 1980), constrúe e fai soar instrumentos de fai máis de 2.000 anos como o “karnyx”, a gran trompeta céltica. É construtor e multiinstrumentista, ademais de traballar na recuperación de instrumentos perdidos no tempo, utilizalos para crear novas sonoridades e imbricarlos en músicas alleas a eles. Estudou trompeta no Conservatorio Superior de Musica de Madrid, e logo realizou un máster en Interpretación da Música Antiga na Universidade Autónoma de Barcelona.

A súa formación é clásica, pero sempre se sentiu atraído por todo tipo de músicas.

Desde novo formou parte de grupos de folk, jazz ou música antiga. E como instrumentista, destaca por ser unha das poucas persoas que toca o Karnyx (trompeta celta da Idade de Ferro). Ademais é impulsor dun instrumento ancestral en Galicia: a corna. Instrumento que tocaba seu avó e que aparece nas iluminacións de Alfonso X.

O seu interese pola organoloxía, ciencia que estuda os instrumentos musicais e a súa clasificación, levoulle a conseguir unha colección de máis de 200 instrumentos de todo o mundo e de distintas épocas. Cupeiro recupera e constrúe diversos instrumentos, e interpreta con eles a súa música, e tamén a mestura con formacións modernas.

O concerto educativo que se realizará en Vilalba será o 13 de maio, no Auditorio, ás 20:30 horas. Ademais, haberá concertos pedagóxicos nos centros chairegos de:

- Rábade, 23 de abril, no ximnasio do IES Río Miño, ás 11:20 horas.

- Guitiriz, 25 de abril, no Salón de Actos do IES Poeta Díaz Castro, ás 11:30 horas.

- Vilalba, 27 de abril, no Salón de Actos do IES Basanta Silva, ás 12:35, cos alumnos de secundaria do Centro.

0.15753078460693