66 brigadas contra incendios traballarán na provincia

TerraChaXa
A Xunta de Galicia dota aos concellos de Lugo de 66 brigadas contra incendios nas que traballarán 328 persoas durante este verán.
Captura de pantalla 2019 07 10 a las 9.35.08
10 Xul 2019

A Xunta de Galicia dota aos concellos de Lugo de 66 brigadas contra incendios nas que traballarán 328 persoas durante este verán. Igualmente, financia o funcionamento de 37 vehículos motobomba e o desbroce e limpeza forestal de practicamente 6.000 hectáreas de terreo. En conxunto, O Goberno galego achega un investimento de máis de 3 millóns de euros (3.061.585 euros) á provincia, destinados a reforzar os recursos municipais de prevención e loita contra os incendios forestais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu conta hoxe deste programa de axudas polo que os concellos poden obter financiamento para constituír e contratar o persoal que conforma as brigadas municipais, para sufragar os gastos de funcionamento dos vehículos motobomba, e para realizar tratamentos preventivos forestais.

A Consellería do Medio Rural ofertou aos concellos a posibilidade de adherirse a calquera destas tres medidas ou mesmo a todas elas. Dos 67 concellos da provincia, todos subscribiron convenio nalgunha das modalidades a excepción de Lugo capital, A Pobra de Brollón, A Pontenova e Rábade.

O investimento principal na provincia vai destinado a sufragar os custos salariais dos traballadores das brigadas. 51 concellos lucenses constituirán en total 66 brigadas, cun orzamento do Goberno autonómico de máis de 1,7 millóns de euros; en concreto, 37 concellos contarán con unha brigada e 14 con dúas, de entre catro e cinco compoñentes cada unha.

Este persoal traballará durante tres meses (a época de alto risco) tanto en labores de prevención como de extinción. O seu principal obxectivo, ademais de servir de unidade de primeira intervención en caso de incendio, é a limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido.

En relación con este propósito, a segunda liña de axudas vai destinada aos labores de roza para previr os incendios ou reducir os riscos en caso de que se produzan. Os propios concellos indican no seu plan de traballo a superficie sobre a que van actuar, e sobre ese dato calcúlase a axuda que lles corresponde. Así o fixeron 54 concellos da provincia, que declararon en total 5.893 hectáreas, o que eleva o investimento a 766.700 euros.

A terceira e última liña está pensada para garantir a operatividade das motobombas. Adheríronse 37 concellos -con outros tantos vehículos-, e o orzamento da consellería neste apartado suma máis de medio millón de euros: 509.600 euros en concreto.

O delegado territorial subliñou que estas liñas de cooperación cos concellos axudan a complementar os recursos propios da Xunta e as accións que se desenvolven no marco do Pladiga, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Este ano, como nas últimas campañas, o operativo de verán na provincia de Lugo está integrado por uns 1.300 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, e o persoal contratado para as brigadas helitransportadas.

0.19621706008911