70 nenos e nenas participan este mes nos campamentos urbanos das Pontes

Un total de 70 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, participan, durante o mes de xullo, nos campamentos urbanos de verán que organiza o Concello das Pontes a través da Concellería de Benestar Social, Igualdade, Educación, coa colaboración do CIM.
A concelleira da área, Tania Pardo, achegouse ata as instalacións do CEIP A Magdalena para intercambiar impresións co persoal responsable do campamento e cos nenos e nenas participantes desta iniciativa municipal que, en palabras da edil ten como obxectivo prioritario, “axudar ás familias das Pontes a conciliar a vida persoal e laboral durante o período estival e ao mesmo tempo tratar de desenvolver entre as pontesas e ponteses máis pequenos actitudes positivas e valores esenciais para o seu crecemento persoal”.
Cada semana os rapaces e rapazas afondarán nun determinado valor social a través da música, obradoiros de anualidades, de xoguetes non sexistas, contacontos, práctica de deportes alternativos, obradoiros de reciclaxe, de decoración u obradoiros de corresponsabilidade, entre outros.
As actividades do campamento continuarán durante os meses de agosto e setembro, achegando a máis de 70 nenos a lugares, sons, personaxes, músicas, artes, profesións, costumes, lendas, a historia, dun xeito creativo e divertido, traballando a transversalidade da igualdade de xénero.