75 maiores de Guitiriz reciben atención do Servizo de Axuda no Fogar
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, mantiveron un encontro con usuarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no municipio guitiricense para coñecer de primeira man o día a día de varias familias beneficiadas por esta prestación. O Goberno da Deputación achega 43.000 euros para financiar o SAF no Concello de Guitiriz, atendendo a un total de 44 maiores. Estes fondos súmanse aos 380 euros mensuais que o Executivo destina para atender a outros 31 maiores co servizo de Teleasistencia.
Campos Conde subliñou que “ao longo do ano, achegamos preto de 50.000 euros para prestar atención profesional a uns 75 maiores de Guitiriz. É un pracer compartir un anaco con eles e comprobar a súa satisfacción por contar con estas prestacións que ofrecemos dende o Executivo Provincial. En concreto, estivemos con dous matrimonios que viven sos e non teñen fillos, e para os cales o Servizo a Domicilio resulta fundamental para poder seguir vivindo na súa casa, que é o que desexan”.
O presidente subliñou que “cando preto do 30% da poboación da provincia de Lugo supera os 65 anos e cando desta porcentaxe máis de 20.000 superan os 84 anos; ofrecer servizos sociais é unha prioridade. Por iso, dende o Goberno da Deputación fixemos un esforzo inversor nos últimos anos duns 6,5 millóns para ofrecer a máis de 4.000 lucenses unha Teleasistencia gratuíta e un Servizo a Domicilio para persoas non dependentes. Demostramos con feitos que somos unha Deputación social, rural e comprometida coas persoas”.