Comezaron as Xornadas Interxeneracionais de Cabreiros

TerraChaXa
O presidente da Deputación participou na apertura das XVI Xornadas Interxeneracionais Rurais. Aprendendo cos Nosos Maiores
xornadas interxeneracionais de Xermade
6 Xuño 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na apertura das XVI Xornadas Interxeneracionais Rurais. Aprendendo cos Nosos Maiores na Casa-Escola de Cabreiros, en Xermade. No acto puxo en valor o modelo provincial de atención ás persoas maiores, en centros públicos, de pequeno tamaño, integrados nos pobos e nas vilas, e que manteñen o arraigo.

O mandatario provincial estivo acompañado polo alcalde de Xermade e tamén deputado provincial de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, polo presidente da asociación veciñal de Cabreiros, Xosé Manuel Felpeto, e polo profesor da USC Xesús Rodríguez.

Na inauguración desta nova edición das xornadas presentouse o libro Cabreiros, 15 anos de dinamización comunitaria. Olladas e recursos interxeneracionais no rural, 300 páxinas nas que se recolle unha memoria das temáticas abordadas nestes anos: oficios do agro, historia, evolución das escolas no rural, os xogos ou o patrimonio cultural material e inmaterial.

“Despois de 15 anos de andadura, Xermade recupera unha cita de referencia no fomento da convivencia e no intercambio de experiencias entre os maiores e os máis novos”, recalcou José Tomé, “e faino con moito acerto, recollendo nunha publicación os principais temas abordados ó longo destes últimos anos, porque para retomar a actividade sempre é bo poñer en valor o que xa se leva feito”.  

O presidente destacou as Xornada Interxeracionais como unha mostra “de que o rural pode xerar iniciativas de interese académico, e do compromiso co territorio da Universidade pública galega, neste caso, da Universidade de Santiago”. 

Para José Tomé, “a convivencia interxeracional é un elemento indispensable no deseño de políticas públicas centradas no benestar das persoas. Máis aínda nunha sociedade de forte carga rural como a nosa: a da provincia de Lugo e a do conxunto de Galicia. O contacto de novos e de maiores é unha canle privilexiada de transmisión de información. Máis aínda no rural. As persoas maiores son como unha biblioteca viva que recolle un enorme conxunto de saberes valiosos”. 

A Deputación de Lugo, subliñou, comparte “esta forma de entender as políticas públicas e estes valores, e así o demostramos na nosa acción de Goberno, por exemplo, en iniciativas como a Rede Pública de Centros de Atención a Maiores, un modelo de pequenas residencias, integradas nos pobos e nas vilas, que manteñen o arraigo, que poñen no centro ás persoas, ós nosos maiores, o seu coidado, a súa dignidade, e tamén o seu saber e a súa experiencia”.

O mandatario provincial felicitou á Asociación de Veciños de Cabreiros, á Universidade de Santiago e ao Concello de Xermade por retomar estas xornadas e desexou que  manteñan este ano a boa acollida de edicións anteriores.

0.1784770488739