A A-8 contará cun sistema de balizas antinéboa

TerraChaXa | AMariñaXa
A subdelegada do Goberno anunciou que o Ministerio do Interior vai investir na instalación das balizas detectoras na A-8 no alto do Fiouco.
antineboa fiouco
9 Mar 2021

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que o Ministerio do Interior vai investir 873.127 euros (IVE incluído) na instalación das novas balizas detectoras para mellorar a seguridade viaria na A-8 ao seu paso polo alto do Fiouco. Este proxecto da Dirección Xeral de Tráfico supón a instalación de novas balizas detectoras no treito da A-8 situado entre os puntos quilométricos 545,400 e 549,680.

Isabel Rodríguez informou de que a Dirección Xeral de Tráfico xa ten formalizado o contrato coa empresa adxudicataria da obra e destacou que se trata dun novo chanzo no plan do Goberno para reducir os cortes da autovía provocados polas néboas e para garantir a seguridade viaria neste treito da A-8.

A subdelegada agradeceu a implicación dos Ministerios do Interior e de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para resolver o problema de seguridade viaria na A-8  que ocasionan as néboas no alto do Fiouco. Así, lembrou que a iniciativa da Dirección Xeral de Tráfico de instalación das novas balizas é complementaria do innovador proxecto no que traballa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a selección do sistema antinéboa.

Rodríguez explicou que a Dirección Xeral de Tráfico xa formalizou o contrato coa empresa adxudicataria do proxecto que, tal como publica hoxe o Boletín Oficial do Estado, e á empresa Sistemas y Montajes Industriales S.A. e conta con un prazo de execución de seis meses.

Con esta actuación preténdese que as condicións de seguridade que ofrecerán as novas balizas permitan diminuír a 30 metros a distancia de visibilidade na que é necesario cortar o tráfico pola autovía, actualmente é de 40 metros, o que suporá poder manter máis tempo en servizo a A-8 ao seu paso polo alto do Fiouco. De acordo cos datos históricos dos que dispón a Dirección Xeral de Tráfico, calcúlase que esta medida permitirá gañar aproximadamente un 75% de efectividade da mesma.

As balizas que instalará a Dirección Xeral de Tráfico actívanse ao paso dos vehículos, de xeito que ao ser detectado un vehículo acéndese unha luz vermella que segue a súa traza, avisando así da súa presenza aos que poidan circulan por detrás para evitar posibles alcances, e outra luz de cor ámbar delimita o trazado da autovía, o que lles serve de guía aos condutores no momento que a néboa comece a causar dificultades na visibilidade.

SISTEMA INNOVADOR

Isabel Rodríguez lembrou, ademais, que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana está a traballar no deseño do sistema de protección antinéboa da Autovía A-8. O Mitma inviste máis de 2 millóns na primeira fase do proceso de Compra Pública Innovadora, que consiste no deseño, a construción e a experimentación con prototipos de solucións innovadoras para facerlle fronte a néboa nunha zona de proba anexa ao treito da autovía A-8 entre Mondoñedo e A Xesta.

A Compra Pública Innovadora desenvólvese en competencia por fases temporais que son de carácter eliminatorio, ata seleccionar as mellores solucións para resolver o problema da néboa.

-          A Fase 1 consiste na demostración da viabilidade das solucións propostas. Nela, cada un dos adxudicatarios debe realizar os estudos e demostracións necesarios que permitan comprobar a eficacia e a viabilidade técnica e económica de cada proposta.

-          A Fase 2 de construción e experimentación en campo a escala real con 4 prototipos seleccionados na primeira fase, 2 por cada lote, co fin de verificar o correcto funcionamento dos desenvolvementos teóricos nun contorno real nas condicións de néboa características do treito da A-8 entre Mondoñedo e A Xesta.

Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, procederase a unha contratación convencional para a construción dos sistemas antinéboa seleccionados.

SETE PROPOSTAS

A Fase 1 organizouse en 2 lotes e un total de sete contratos de servizos.

Os tres contratos do lote 1 son para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistema de axuda á condución en situacións de néboa e suporán un investimento total de 722.675 euros (impostos incluídos).

As tres propostas seleccionadas consisten en:

  • Un sistema de balizamento lateral da vía con luz láser
  • Un sistema de sinalización horizontal con tecnoloxía LED proxectada sobre a calzada
  • Un sistema baseado no uso de balizas intelixentes

En canto ao lote 2, son catro os contratos para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas que actúan sobre a néboa mediante o seu illamento, eliminación ou desprazamento. Neles vanse investir 1.317.956 euros.

Neste caso, as propostas baséanse en:

  • Un sistema de difusión automático por aspersores de materiais higroscópicos
  • Barreiras aerodinámicas cortaventos de porosidade variable
  • Estruturas de formigón abovedadas sobre cada calzada con aberturas laterais en toda a súa lonxitude
  • A combinación de barreiras estáticas e barreiras dinámicas que empregan dispositivos fluido-mecánicos
anti neboa
0.18998003005981