A abstención do PP de Muras permite desbloquear o pago de facturas tras un ano de parálise

O goberno do BNG de Muras logrou esta semana desbloquear o pago de facturas pendentes a provedores por un total de 381.869,49 euros, tras un ano de bloqueo. A abstención do PP foi clave para aprobar a medida, xa que o PSOE e o edil non adscrito votaron en contra.
A portavoz nacionalista, Eugenia Requeijo, explicou que era urxente pagar traballos xa realizados e criticou que “por intereses partidistas se estivera freando este proceso”. Requeijo tamén lamentou que non se puideran aprobar outras propostas, como a convocatoria de axudas para asociacións locais, presentada en situación de urxencia. A iniciativa buscaba repartir fondos entre entidades que xa presentaran proxectos, pero non saíu adiante ao non contar co apoio do resto dos grupos.
Pola súa banda, o edil non adscrito, Julio Díaz, xustificou o seu voto negativo denunciando supostas irregularidades e unha xestión “pouco transparente”. O PSOE tamén votou en contra, criticando a exclusión de certas asociacións e pedindo un reparto máis amplo das axudas.
Desde o BNG defenden que seguirán traballando para evitar que a política “paralice o funcionamento do Concello” e insisten en que é necesario facilitar os pagos e apoiar o tecido asociativo local.