A aceleradora Business Factory Aero abre o prazo de presentación de candidaturas

TerraChaXa | LugoXa
A aceleradora Business Factory Aero da Xunta abre o prazo de presentación de candidaturas para a súa cuarta edición
dron
16 Xuño 2022

As empresas e entidades cunha idea innovadora para o uso dos vehículos non tripulados teñen ata o 15 de agosto para rexistrar as súas solicitudes de participación. O obxectivo desta convocatoria, que incorpora como novidade un itinerario de consolidación, é apoiar ata 11 proxectos e potenciar o ecosistema tecnolóxico ao redor do Polo Aeroespacial de Galicia.

A Business Factory Aero (BFAero), programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas especializado en vehículos non tripulados da Xunta de Galicia, abriu onte oficialmente o prazo de inscrición na súa cuarta edición cun enfoque máis internacional e buscando sinerxías co Polo Aeroespacial de Galicia, co obxectivo de potenciar o ecosistema tecnolóxico ao redor do Polo, facendo da BFAero un referente de innovación aberta e disruptiva no sector na Unión Europea.

Ata o 15 de agosto ás 14:00 horas, emprendedores e emprendedoras, startups e empresas cunha idea innovadora con vehículos non tripulados poden presentar a súa candidatura a través da web www.bfaero.es, onde tamén se poden consultar as bases da convocatoria.

A BFAero, en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo favoreceu, nas súas tres primeiras edicións, a participación de 19 empresas, a creación de oito start-ups e un investimento de 5M€. Coa cuarta e a quinta convocatoria, que contan cun investimento total de 7,2 M€, o obxectivo é apoiar un total de 25 empresas do sector.

Esta cuarta edición, na que se apoiarán ata 11 proxectos, conta cun itinerario de incubación de 12 meses, dirixido fundamentalmente a proxectos de emprendemento no sector aeroespacial-tanto spin offs, como start ups e spin outs- e un itinerario de aceleración de oito meses para empresas que xa dispoñan dun produto mínimo viable. Como novidade establécese unha novo itinerario de consolidación de catro meses para empresas cunha antigüidade máxima de ata sete anos con alta capacidade de crecemento internacional.

Os proxectos seleccionados nesta cuarta edición da BFAero disporán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, no programa de incubación accederán a axudas por parte da Axencia Galega de Innovación de 40.000 €. No caso dos proxectos de aceleración, poderán acceder a apoios de ata 60.000 € da Axencia Galega de Innovación e a préstamos participativos ou capital risco de ata 50.000€ de Xesgalicia e, nos de consolidación, 30.000€ de axudas por parte de Gain e ata 250.000 de financiamento de Xesgalicia.

Ademais, todos os proxectos seleccionados, independentemente de que participen na modalidade de incubación, aceleración ou consolidación, beneficiaranse dun bono de 10.000 euros para empregar servizos e infraestruturas do Polo Aeroespacial de Galicia, os que se inclúen horas de voo ou apoio en certificacións do sector. Ademais, contarán cun completo programa de formación e con titores especializados no sector aeroespacial.

0.15144991874695