A aceleradora de proxectos da Mariña impulsará 22 novas iniciativas
A sede da Fundación Comarcal de Mondoñedo acolle a cuarta edición do espazo coworking da Mariña lucense no que durante cinco meses 27 novos emprendedores recibirán formación especializada e á medida coa que poñer en marcha as súas 22 iniciativas empresariais.
Esta aceleradora forma parte da rede de espazos coworking que se puxo en funcionamento en 2016 para contribuír ao desenvolvemento e consolidación de proxectos empresariais e á creación de emprego.
As actividades dos emprendedores que se formarán no coworking da Mariña lucense, no que ata agora se desenvolveron 60 proxectos, abranguen sectores produtivos variados como o industrial, o agroalimentario, o téxtil ou o dos servizos. Inclúen ademais propostas innovadoras como un laboratorio de medicións de radón, un estudio de arquitectura vinculado á bioconstrución ou o deseño téxtil poñendo en valor a paisaxe da Mariña.
Na rede de aceleradoras os novos emprendedores, ademais de recibir asesoramento personalizado para poñer en marcha os seus proxectos empresariais, reciben información polo miúdo dos instrumentos de apoio dispoñibles que axudan a consolidalos despois de rematar a formación. Con esta iniciativa, favorecese o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio.
A cuarta edición dos espazos coworking impulsará 130 iniciativas emprendedoras repartidas, ademais de na aceleradora da Mariña lucense, na de Santiago, Ferrolterra, Celanova e Terras de Limia, Costa da Morte e Ribeira Sacra, que veñen de comezar as súas actividades. Proximamente iniciarase a formación nos espazos especializados de Ourense e do Salnés, centrados no sector forestal-madeira e na alimentación e o turismo, respectivamente, e onde se puxeron en marcha preto de 60 proxectos empresariais.
Desde o comezo da súa actividade e ata finais de 2018, a rede de espazos coworking ten impulsado en Galicia un total de 458 proxectos de máis de 500 emprendedores. Os novos empresarios contan ademais cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas, como os programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, así como a Plataforma StartIN, a rede de aceleradoras na que se inclúen os espazos coworking, e que leva impulsado nos últimos cinco anos 900 proxectos innovadores. Ademais as iniciativas empresariais de nova creación teñen á súa disposición instrumentos de financiamento habilitados por Xesgalicia e o Igape.