A AECC organiza a tradicional andaina solidaria o próximo día 1

TerraChaXa
Arrancará ás 11:00 dende o Concello, coa chegada ao mesmo punto, e o percorrido será de 4,5km
andaina-solidaria-aecc-as-pontes
25 May 2025

A concelleira de Igualdade, Tania Pardo e a concelleira de Deportes, Elena López participaron esta semana na presentación dunha nova edición da andaina solidaria “As Pontes en marcha contra o cancro” promovida pola Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro, que se celebrará o vindeiro domingo, 1 de xuño.

Tania Pardo quixo agradecer, un ano máis, á xunta local a posta en marcha desta iniciativa “que se vén a sumar a outras, como o club de saúde, que se puxeron en marcha este ano, así como o convenio que acabamos de asinar de declaración de espazo sen fume da praia do lago e a súa contorna”.

Pola súa banda, a presidenta da Xunta Local, Dolores Prieto, agarda unha gran participación nesta andaina porque “o ano pasado, que chovía, tivemos máis de 200 inscritos, e eu estou segura de que este ano se vai sumar máis xente”.

A andaina arrancará ás 11:00 horas do domingo 1 de xuño, dende o Concello, coa chegada ao mesmo punto, e o percorrido será de 4,5km.

O prezo de inscrición é de 8 euros, e ademais de facela previamente nos locais que colaboran con esta iniciativa, pode realizarse o mesmo día da proba ata o momento da saída. A inscrición inclúe como agasallo unha camisola e un pano para o pescozo conmemorativos do evento.

A concelleira Tania Pardo non quixo desaproveitar a ocasión de convidar á veciñanza a participar nesta andaina, “porque a xente das Pontes é participativa, e seguro que vai apoiar esta iniciativa que conxuga solidariedade e deporte”.

⚙ Configurar cookies
0.15943813323975