Xotramu apoia á Agxpt no 20 aniversario da súa fundación para recuperar o xogo tradicional
O día 18 de agosto de 2003 foi fundada a Asociación Galega de Xogo Popular e Tradicional (Agxpt), unha entidade sen ánimo de lucro que contempla entre os seus fins a investigación e divulgación dos xogos e deportes tradicionais e populares galegos, que conforman un dos patrimonios lúdicos máis ricos da península ibérica e que conmemora os seus 20 anos. O colectivo de Muimenta, Xotramu, asistiu ao evento en apoio a este colectivo do mesmo eido.
Dende o día 1 de decembro e ata o vindeiro día 30, pódese ver no Museo da Terra de Melide a exposición de xogos tradicionais que a Agxpt amosa no marco da celebración do seu vixésimo aniversario. Nesta mostra, composta por xogos variados e fotografías de actividades realizadas ao longo destas dúas décadas constátase, ademais, a dedicación, tempo investido, entusiasmo, compañeirismo, compromiso coa cultura e tradición, estudo e divulgación que caracteriza a Asociación.
Hoxe ten lugar un acto con motivo da celebración do seu aniversario. Trátase dunha xornada na que haberá un obradoiro de construción de xoguetes pola mañá e, xa pola tarde, celebrarase o acto de conmemoración, coa proxección dun documental sobre a historia da Asociación da autoría de Xosé Fuentes, e unha mesa redonda —moderada pola xornalista María Torre— na que se falará sobre o presente e o futuro do xogo tradicional en Galicia e na nosa contorna. Como remate, haberá unha intervención do coñecido narrador oral, e amigo da Agxpt, Celso Fernández Sanmartín. Será presentado un poema da autoría de Antom Laia, recoñecido poeta melidao, dedicado aos 20 anos da Asociación. O programa de actos pódese ollar no cartel anexo.
Como manifestan os seus documentos fundacionais, a Agxpt “nace no ano 2003 coa pretensión de investigar e divulgar o patrimonio lúdico como manifestación cultural xenuína do pobo galego”. Pois xogar non só é cousa das nenas e dos nenos. Procurar un lado lúdico da vida é fundamental para manter a mente sa e esperta; o xogo estimula a creatividade, a imaxinación, a aprendizaxe, o traballo manual e o traballo en equipo, a coordinación, o desenvolvemento cognitivo, a estratexia... á fin, aptitudes todas que favorecen o desenvolvemento do ser humano, a comunicación e o mellor funcionamento do noso cerebro e do noso carácter.
Ao longo de dúas décadas, a Agxpt estivo en festas e feiras, estimulando a memoria colectiva; centros de ensino, aprendendo a xogar e asesorando no acondicionamento dos recunchos de lecer; foros de debate nacionais e internacionais, poñendo en valor o patrimonio lúdico; medios de comunicación, visualizando o xogo; universidades e institucións do saber, investigando os nosos xogos e recompilando ferramentas para poder facelo; promovendo competicións festeiras de xogos tradicionais, como o tradicional Campionato de Tirapedras da Galiza Central… Un total de máis de medio milleiro de actividades de divulgación que parten dun traballo paralelo de investigación que se visibilizou en diferentes publicacións, no estudo de patrimonios lúdicos locais —tales como o do concello da Lama, o da Terra de Miranda ou o da Terra de Melide, por exemplo—, actividades de formación —incluídos cursos organizados pola propia Agxpt— dirixidas a diferentes colectivos etc.
Nos últimos tempos, e en coordinación con outras entidades integradas no Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, a AGXPT contribuíu á creación da primeira base de datos en liña (http://www.xogostradicionais.gal/) con recursos sobre os xogos galegos, á posta ao servizo da poboación dunha aplicación para teléfonos móbiles (http://xogostradicionais.consellodacultura.gal/) que permite poñer en acción un xogo só cun minuto de consulta, ou ao desenvolvemento dun proxecto arredor do xogo tradicional nas casas durante a pandemia (https://xogos-tradicionais-corentena.weebly.com/) que finalmente viu a luz en formato de libro.
Entre os obxectivos da Agxpt no futuro inmediato está o de implementar as súas actividades de formación, promover a investigación do patrimonio lúdico galego desde as universidades e desde outros foros como —especialmente— o educativo, continuar a investigación dos patrimonios lúdicos comarcais, seguir promovendo a presenza dos xogos tradicionais nas ferramentas informáticas e na Rede, ou lograr que o patrimonio lúdico teña unha presenza constante nos medios de comunicación galegos.
Nas actividades de celebración dos seus primeiros 20 anos, a Agxpt estará acompañada por diferentes entidades que conforman con ela o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, en particular o museo O Recuncho das Argalladas, de Vilanova de Lourenzá; Xogos Tradicionais Muimenta (Xotramu), da Terra Chá; o CEP de Campolongo, en Pontevedra; Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional; o Museo Etnolúdico de Galicia, de Ponteceso; a Asociación de Xogadores/as da Chave de Santiago… e tamén por investigadores/as sinalados/as como Antón Cortizas ou Apolinar Varela, entre outros/as. A Agxpt está integrada na Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, ao tempo que está en trámites de integración na Federação Portuguesa de Jogos Tradicionais, entidades que estarán virtualmente presentes tamén na celebración.
Un pobo é a súa música, a súa literatura, a súa arte, os seus costumes, a súa vestimenta, os seus traballos... e tamén os seus xogos, xa que amosan unha forma de integración —única— no mundo. Xogar en galego, vivir en galego foi un lema constante da Agxpt ao longo destas dúas décadas.