A alcaldesa de Trabada respondeu ao PP sobre a súa tenente de alcalde
Despois de que o PP de Trabada reclamase á tenente de alcalde que renuncie á dedicación parcial, a alcaldesa, Mayra García Bermúdez, respondeu a esas palabras dicindo que "a súa situación é a mesma desde outubro de 2020".
"A primeira tenente alcalde, Julia María Barcia Fernández segue tendo a mesma situación que tiña, pois ata o día 2 de outubro de 2020 viña desempeñando como traballadora autónoma unha actividade económica privada como docente en horario de mañás nos períodos non lectivos e de tarde nos períodos lectivos ademáis de desempeñar as funcións como primeira tenente alcalde con dedicación parcial no Concello de Trabada", di a alcaldesa.
"Polo tanto, a situación a día de hoxe segue sendo a mesma, posto que en vez de estar como traballadora autónoma está contratada pola Xunta de Galicia como profesora de ensino secundario dende o día 13 de novembro cun nomeamento como persoal interino. Exerceu as súas funcións como concelleira da mesma forma ca viña facendo, acudindo ás Xuntas de Goberno, exercendo ampliamente as funcións da área da que é delegada, educación, igualdade e desenvolvemento local, áreas dunha gran importancia no Concello e que se cabe, nesta situación de crise sanitaria e económica que estamos a vivir, teñen maior relevancia", engade García Bermúdez.
Ademáis, previa consulta formulada pola primeira tenente alcalde sobre a compatibilidade das dúas función, a Dirección Xeral de Función Pública emitiu un informe no que se indica que non é precisa ninguna autorización previa posto que o cargo non se desempeña con dedicación exclusiva.
A alcaldesa non entende porque o PP enfatiza en indicar que percibe dous salarios públicos, xa que se axusta á legalidade, da mesma forma que os empregados públicos.
E o Goberno socialista de Trabada a día de hoxe segue sendo máis barato para as arcas municipais que o do Partido Popular, pois na anterior etapa o alcalde tiña unha dedicación exclusiva de 37.350 euros.
En canto á dedicación da alcaldesa tampouco variou, pois xa era Deputada con dedicación exclusiva e delegada da mesma área no mandato anterior. No equipo de goberno de Trabada traballamos un equipo de xente comprometida co presente e co futuro do noso pobo e co benestar dos nosos veciños e veciñas, e así o demostramos co noso traballo, coa nosa xestión e cos investimentos e os servicios que puxemos en marcha. O que teñen que facer os responsables do Partido Popular é preocuparse por traer inversións para o Concello e non por criticar o traballo dos demáis.