A alcaldesa de Vilalba acusa de “deslealdade institucional” ao delegado da Xunta

TerraChaXa
A alcaldesa de Vilalba lamenta unha vez máis “o uso partidista das institucións” por parte do delegado da Xunta en Lugo
Elba Veleiro vilalba
15 Ago 2021

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, lamenta unha vez máis “o uso partidista das institucións” por parte do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, que estivo esta semana no concello sen avisar a ningún representante do goberno local.

“Xa falei de forma contundente en varias ocasións deste tema, pero vexo que lamentablemente non vale para nada”, afirma Elba Veleiro. O delegado da Xunta estivo nas obras de renovación do firme da autovía Ferrol-Vilalba “avisando da visita aos concelleiros do PP pero non á alcaldesa ou aos concelleiros e concelleiras do goberno municipal”.

O grupo de goberno de Vilalba critica este “ninguneo” da Xunta, na persoa do seu delegado en Lugo, que estivo por sexta vez en Vilalba sen avisar á alcaldesa: “O que piden os veciños e veciñas é colaboración institucional entre as administracións, non este tipo de comportamentos”

A alcaldesa de Vilalba lembra “os proxectos tan importantes que hai pendentes no concello nos que ten competencias a Xunta de Galicia, polo que é difícil entender que non se avise dunha vista do delegado territorial”.

Desde que comezou o actual mandato municipal, a alcaldesa de Vilalba mantivo reunións co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o delegado territorial da Xunta para intentar axilizar cuestións prioritarias para o Concello, como a construción do centro de día.

“Falamos de temas de interese xeral para os veciños que dependen da Xunta, o único que pedimos é diálogo e cortesía institucional, non é normal vir tantas veces a Vilalba e nin sequera avisar ao concello”, remata Elba Veleiro.

0.16725993156433