A alcaldesa de Vilalba mostrou o seu "apoio absoluto" ás familias que denuncian o deficiente servizo de pediatría

TerraChaXa
Marta Rouco insta á Xunta de Galicia a ofrecer “unha solución inmediata para un servizo básico que leva anos arrastrando problemas graves en Vilalba”
centro-de-saúde-de-Vilalba
11 Jan 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, manifestou “o apoio absoluto do Concello de Vilalba ás queixas das familias vilalbesas polo deficitario servizo de pediatría do centro de saúde, que leva máis dunha semana sen ningunha pediatra”.

Rouco explicou que “as dúas profesionais de pediatría do centro de saúde están de baixa laboral e a Xunta de Galicia non cobre as súas prazas con substitucións, o que xera graves trastornos para as familias e pon en risco a saúde dos nenos e nenas ao carecer de profesionais especializados”.

Ademais, denunciou que “a única solución ofrecida ás familias é que os menores pasen polo triaxe de urxencias, deixando en mans do médico de urxencias a decisión de atendelos ou non”. Segundo Rouco, esta situación é “insostible”, xa que “é comprensible que os médicos de familia se neguen a atender a nenos, pois non é a súa especialidade nin responsabilidade”.

Ante esta situación, Marta Rouco instou á Xunta de Galicia a ofrecer “unha solución inmediata para un servizo básico que leva anos arrastrando problemas graves en Vilalba”. A rexedora salientou a necesidade de “cubrir polo menos unha das prazas de pediatría” e engadiu que “é impensable que un concello como Vilalba, cun número elevado de nenos, non dispoña dun pediatra especializado”.

Criticou tamén a alternativa de derivar ás familias a Pastoriza ou Meira, porque “é inviable que un profesional atenda tanto aos seus pacientes como aos de Vilalba”. Segundo Rouco, a opción máis habitual remata sendo acudir ás urxencias do HULA, o que “colapsa este servizo, que ademais non pode realizar cuestións básicas como revisións de idade”.

“É inadmisible que as familias teñan que recorrer a médicos privados, co custo económico que iso supón”, lamentou Marta Rouco, quen concluíu sinalando que “a situación é crítica, peor que nunca, tanto en pediatría como noutros servizos do centro de saúde”.

Atención primaria para adultos

A alcaldesa alertou tamén sobre a precariedade na atención primaria de adultos. “Os profesionais levan meses atendendo pacientes de compañeiros que se xubilaron ou están de baixa e cuxos postos non foron cubertos pola Xunta de Galicia”, afirmou Rouco.

Na atención primaria, “hai tres cupos sen cubrir e outro con atención só tres días á semana, un deles a media xornada”, explicou a alcaldesa, quen engadiu que esta situación se arrastra desde fai case un ano nalgúns casos.

A solución da Xunta, segundo Rouco, limítase a “cubrir puntualmente os cupos con substitutos ou con desprazamentos de profesionais doutros centros”. Na práctica, “os profesionais teñen que repartirse os pacientes ou se bloquean as axendas dos cupos vacantes, atendendo só urxencias ou incidencias graves”.

Finalmente, Marta Rouco subliñou que os profesionais de Vilalba tamén deben asumir en ocasións pacientes do centro de saúde de Abadín, ademais de xestionar baixas, vacacións ou permisos laborais. “Traballan en condicións extremas, o que dificulta atender dunha forma axeitada as patoloxías dos pacientes”, concluíu.

0.16433882713318