A alcaldesa de Vilalba visita a unha veciña que tamén celebrou o seu 100 aniversario

TerraChaXa
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, achegouse ata o Hospital Asilo para visitar a Virginia Fernández e felicitarlle o seu 100 aniversario.
virginia cen aniversario
12 Abr 2024

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, achegouse ata o Hospital Asilo para visitar a Virginia Fernández e felicitarlle o seu 100 aniversario. E fíxoo acompañada pola concelleira Paula Vigo, que tamén aproveitou a ocasión para felicitar a Virginia e, xunto a Marta, coñecer máis polo miúdo a súa historia de vida.

Virginia, que entra hoxe na lista de centenarios vilalbeses, é natural do barrio de Moreda, en Lanzós, e aínda que asegura non coñecer o segredo para chegar á súa idade, recoñece que lle encanta "facer crucigramas, saír todos os días e andar sempre ben arreglada". Pero tamén hai cousas que non lle gustan tanto, como a soidade, "nunca estivo feita para min, antes eramos moitos en todos os lados, na casa, na escola, na parroquia" sinala Virginia, a quen lle segue gustando "atoparme coa xente que coñezo e falar".

E é que o estado de saúde de Virginia non deixa indiferente a ninguén, transmitindo a súa alegría e o seu bo humor, igual que o fai María Dolores Quintela, quen en datas pasadas cumpriu 103 anos e tamén recibiu a visita da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e do concelleiro Luis Fernández.

"É moi satisfactorio que nos reciban con tanto cariño e para nós é un auténtico pracer coñecelas, desfrutar dun ratiño con elas e coñecer as súas historias", sinalou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, quen ademais asegurou que "continuaremos durante todo o ano con esta iniciativa porque estas persoas merecen un recoñecemento e tamén porque queremos dar a coñecer o gran número de persoas centenarias que viven en Vilalba, algo que polo xeral se descoñecía bastante".

0.19732093811035