A Alcaldía de Vilalba impulsou no 2025 investimentos por valor de máis de 3,5 millóns de euros

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, xestionou e impulsou durante o ano 2025 obras e investimentos cun orzamento conxunto superior aos 3,5 millóns de euros.
As obras foron no casco urbano e nas parroquias de Vilalba para mellorar os servizos e infraestruturas públicas que utiliza a diario a veciñanza. A maior parte das actuacións xa están rematadas e outras en execución.
Unha parte das obras realizadas financiáronse con fondos propios do concello, pero outras moitas aprobáronse grazas aos convenios e achegas xestionadas pola alcaldesa, Marta Rouco, con outras administracións, principalmente a Deputación de Lugo e o goberno do Estado.
“É moi necesario xestionar acordos con outras administracións, porque nun concello como Vilalba temos un orzamento limitado e condicionado por partidas como a da Axuda no Fogar”, lembra Marta Rouco, que lamenta “que Vilalba non exista para a Xunta desde o ano 2019”.
“Todos os proxectos e actuacións dan resposta a unha programación previa que realizamos no concello para mellorar os servizos públicos, fixar poboación e facer de Vilalba un bo lugar para vivir, traballar e conciliar”, engade a alcaldesa.

Entre as obras financiadas no ano 2025 con fondos propios, están a pista multiocio do Campo da Feira; os novos Farois LED da praza Constitución; o alumeado da rúa Basanta Silva; a nova área de autocaravanas; a renovación Rúa Benxamín Paz; a rexeneración da Estrada entre O Castro e Gondaísque; a reforma do primeiro andar da Biblioteca Municipal; a renovación da rúa Bispo Varela; da avenida de Cospeito entre as rúas Foz e Abadín; as rexeneracións da Travesía de Foz e da rúa do Rego; o vial do barrio de Paraños (Lanzós); os accesos ás vivendas en Sancovade, e o vial en Coto, Mourence.
Froito de acordos con outras administracións, aprobáronse a rehabilitación da Casa do Concello; as melloras no CEIP Mato Vizoso; a rexeneración da LU-P-6513; a renovación da estrada de Vilate a Ribado; o sistema en sombra da Avda. Terra Chá; os máis de 15 quilómetros de pistas renovadas nas parroquias; a mellora do alumeado no polígono; a reforma da cuberta da Casa da Cultura; o novo PAI; o parque infantil Rosalía de Castro; os accesos ao barrio de Fontiñas, e a renovación do firme nas rúas Castiñeiro, Acivro e Salgueiro.