A alfombra floral volve recibir á Virxe do Carme nas Pontes
Os veciños das Pontes volveron elaborar este sinal de identidade das festas na noite do sábado e unha parte estará visible todo o domingo.
Outra das tradicións máis antigas das festas do Carme é a realización da alfombra floral. O obxectivo da mesma é cubrir unha parte do percorrido da Virxe no seu camiño de volta a súa casa o domingo.
A noite anterior, a imaxe da Virxe deixa a súa Capela en procesión para subir ata a Igrexa. Durante a noite, un colectivo de fonda tradición e relixiosidade ocúpase arduamente de elaborar unha alfombra floral, que será colocada pola noite para embelecer o retorno á capela, acopañada dos pequenos de comuñón.
Este ano a tradición da alfombra regresa tras dous anos sen celebrarse e faino coa mesma ansia de sempre. O principal, ter un tema a desenvolver e traballar arreo durante toda a noite para conformar un debuxo orixinal que todos os anos leva á vila a miles de visitantes.
O colectivo que elabora as alfombras florais leva xa tempo traballando na confección, na recompilación das frores necesarias e todos os anos invita á veciñanza a sumarse a esta iniciativa que require dun traballo duro realizado a altas horas da noite e a madrugada. Non faltan veciños que colaboran nesta tradición ascentral que todos os anos busca un tema que dé pulo ao máis representativo da localidade. Aquí non hai idade límite para participar, nin por riba nin por baixo, polo que cada ano súmanse algún pequeno á iniciativa, aínda que como lembran desde a organización, “son unhas horas un pouco complicadas para incentivar á xente a colaboarar”.
Os alfrombristas elaboran tamén diferentes panos para que non se pisen durante todo o día e podan ser admirados por veciños e visitantes, unha mirada que adquire un valor impresionante a vista de paxaro.
BEN DE INTERESE
Os alfombristas galegos deron un paso á fronte ao solicitar á Xunta que se declaren as súas creacións florais como un ben de interese cultural, como xa pasou noutras comunidades autónomas. Nesta petición formal na que están asociacións de Ponteareas, Bueu, Moaña, Rianxo, Ames, Cela (Bueu), Redondela, Cangas, Burela, Miño e Pontevedra achégase un informe histórico e antropolóxico no que se recolle que a primeira alfombra feita en Galicia foi en Ourense, en 1323, e máis tarde, en Pontevedra. Sen dúbida sería unha importante noticia para este colectivo que leva traballando máis de 30 anos na súa elaboración ano a ano.