A ANPA do colexio Lagostelle protesta polo servizo de comedor

TerraChaXa
Explican que non se cobren as baixas do persoal e os nenos teñen menús improvisados para comer
ceip-lagostelle
13 Out 2024

A ANPA do CEIP Lagostelle de Guitiriz manifestou o seu "malestar e preocupación" por unha situación que se repite no tempo no servizo de comedor do colexio ante a non cobertura das ausencias/baixa do persoal de cociña.

"Situación que non é nova para o alumnado usuario do servizo do comedor xa que no curso pasado 2023/24 sucedeu o mesmo, non se cobren as ausencias da cociñeira, nin das axudantes de cociña, tampouco as que son programadas e se coñecen con antelación suficiente, como por exemplo unha cita médica. Estes días os nenos comen un menú improvisado que organizan ás présas dende o Centro. Hai que agradecerlles o esforzo que fan para que polo menos os nenos teñen algo que comer", explican.

Aínda así preguntan á Xunta se "pizza ou empanada e fiambres é comida adecuada para as nosas crianzas? onde quedan as recomendacións do Plan Xermola para alimentación en escolares que publicitan nas súas paxinas web? Acaso é todo papel mollado para que pareza que facemos pero a non facemos nada?"engaden.

Din que é o que sucedeu estes días no CEIP Lagostelle, cando o día 3 outubro non tiñan axudante de cociña nin cociñeira, situación que se repetiu este martes 8 e o mercores 9 de outubro.

"A xustificación é sempre a mesma: o sistema de chamamentos da Xunta permite que a administración tarde uns días en facer o chamamento e o interesado no contrato tamén pode tardar unhos días en dar a súa resposta, todo foi feito na máis estricta legalidade. Señores que mandan e toman decisións que afectan a vida diaria dos nosos nenos: cambien o sistema de chamamentos se non funciona, un comedor escolar non pode quedar 1 semana enteira sen persoal, ou acaso vostedes pasarían unha semana sen comer?", aseguran.

"Non queremos que está situación se repita como vén acontecendo ultimamente, e solicitamos a Consellería que cubra en tempo e forma ditas ausencias para que os nosos nenos reciban sempre un menú equilibrado e saudable, por que a este paso no cole de Guitiriz só nos quedará xantar Torta de Maíz", conclúen.

0.17783808708191