A antiga casa do conserxe do IES San Rosendo de Mondoñedo vaise rehabilitar e albergará novas aulas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
22 Aug 2019

A Xunta de Galicia vén de licitar por valor de máis de 94.000 euros as obras de rehabilitación da antiga Casa do Conserxe no IES San Rosendo de Mondoñedo. Deste xeito, cúmprese o acordo acadado pola alcaldesa no mes de xuño coa consellería de Educación, Universidade e Formación para que este departamento financiase dita actuación, e no que se adiantaba que a administración galega licitaría os traballos este mesmo verán.

A actuación, que pon de relevo, segundo destaca a rexedora Elena Candia, a aposta “continua e decidida” do Goberno local polo IES e pola formación dual, permitirá a posta en marcha de tres novas aulas e unha polivalente. 

A alcaldesa agradece publicamente o cumprimento do Executivo galego e a súa vontade colaboradora para contribuír a poñer en valor este edificio emblemático, co fin de ampliar e dotar ao IES de máis modalidades formativas, e crear con elo novas oportunidades no eido da FP dual.

O IES Plurilingüe San Rosendo é un centro de referencia nas ensinanzas de Formación Profesional da zona, en especial no que atinxe á implantación da FP Dual no rural con ensinanzas da familia profesional de Agraria. 

Así, este mesmo ano desenvolveuse no centro a segunda edición do ciclo de Aproveitamento e conservación do medio natural. O centro imparte, ademais, a FP Básica en Agroxardinaría e composicións florais e o de grao medio en Xardinaría e floraría. 

 

0.13240599632263