A antiga nave da fundición de Sargadelos acollerá un taller de forxa

TerraChaXa | AMariñaXa
A antiga nave da fundición de Sargadelos acollerá un taller de forxa
19 Dec 2020

O Concello de Cervo destina o edificio da Antiga Nave de Fundición de Sargadelos a un espazo comercial de divulgación e conservación da tradición galega.

A edificación, que data do século XVII e que foi recentemente rehabilitada pola Administración local en colaboración coa Xunta de Galicia, foille cedida en uso en réxime de arrendamento ao artesán Telmo Cao, para poñer en funcionamento un taller de forxa artística “nun espazo que pola súa natureza e historia é idóneo para o desenvolvemento desta actividade”.

As condicións do aluguer desta nave son similares ás dos 6 locais habilitados – máis un alpendre-  no Edificio das Antigas Cabalerizas que saíron estes últimos anos a concurso público e cuxo prezo de explotación é simbólico ao estar bonificado ao 90% polo Concello de Cervo, xa que, tal e como precisa o rexedor, Alfonso Villares, “desde que pensamos en rehabilitar estes dous bens patrimoniais –tanto a nave de fundición como o edificio das antigas cabalerizas- tivemos moi claro que poderiamos con elo darlle un pulo importante a Sargadelos favorecendo a instalación de diferentes actividades, tal e como quedou constatado xa coa posta en marcha do centro de emprendemento que está a ser moi visitado; pero ademais de darlle ese impulso ao Conxunto Histórico tamén buscamos crear emprego ofrecéndolles a estas persoas emprendedoras unha opción para poder iniciar a súa actividade facendo fronte a un custe asumible”.

Favorecendo a instalación deste taller neste edificio municipal estamos a dar un paso máis neses obxectivos que nos fixamos –apunta Villares-   “en aras tamén de favorecer a conservación e o futuro de oficios tradicionais como é o do ferreiro”; porque Cao no seu proxecto tamén contempla a   transmisión de coñecementos do mundo da forxa a través de cursos de formación e xornadas de portas abertas para dar a coñecer o seu oficio.

Reseña curricular

Telmo Cao Farré ten unha ampla experiencia no sector da forxa artística exclusiva e da escultura en metal; cos seus traballos xa chegou a todo o norte peninsular e ás Illas Baleares; algunhas das súas pezas únicas poden verse na mesma Sagrada Familia de Barcelona ou nas Casas Modernistas da Cidade Condal, deixando o seu selo en bancos, varandas ou portas.

A forxa artística completa o Centro de Emprendemento e Artesanía de Sargadelos; no que a día de hoxe están instalados o establecemento de fabricación e venda de táboas de surf artesanais “Serea Surfboards”, o obradoiro creativo con tenda e estudo de tatuaxes “Enigma”, o centro ecuestre “Cabaliño de Pao”, o café bar cultural “A Sacabeira”, o establecemento de alimentación ecolóxica “Marmeladas A Morena” e o centro terapéutico rehabilitador “Pasiños na Lúa”.

0.15491104125977