A aposta chairega pola galiña de Mos

TerraChaXa
A Galiña de Mos segue en crecemento, cun pequeno baixón por culpa da covid, pero continúa a súa progresión tanto en vendas como en produción.
galina mos libertade campo comendo
5 Xuño 2022

A produción deste raza autóctona faise en explotacións en extensivo para manter a calidade.

A Galiña de Mos segue en crecemento, cun pequeno baixón nalgúns sectores por culpa da covid, pero continúa a súa progresión tanto en vendas como en produción.

Cada vez máis a súa carne e ovos son máis apreciados pola súa calidade e máis demandados por un mercado cada vez máis esixente.

A galiña de Mos tomou o seu nome do lugar de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, onde se adquiriron en 1936 os primeiros ovos para comezar o proceso de uniformidade das galiñas que aparecían na comarca de Terra Chá e interior de Galicia. A partir da selección realizada na primeira metade do século XX expandiuse a toda Galicia. Hoxe en día, está repartida abundantemente por toda a comunidade autónoma, predominando naquelas comarcas nas que destacara en tempos pasados, omo a Terra Chá. Nos últimos anos foron moitos os criadores doutras partes de España que adquiriron importantes lotes de exemplares, atopándose xa moi distribuída a nivel nacional.

CARACTERÍSTICAS

A galiña de Mos ten cresta en forma de chícharo con tres filas lonxitudinais de papilas de cor vermella; conta cunha plumaxe de cor leonada cun matiz vermello-caoba claro, con  esclavina e caireles máis claros que o resto do manto.

Na galiña a plumaxe do corpo é leonado, con esclavina de cor leonado intenso e os galos teñen unhas cualidades cárnicas excelentes pola infiltración da graxa no músculo.

As galiñas destacan pola súa aptitude na posta e calidade do ovo.

Son moitos os produtores que se sumaron á iniciativa de recuperación desta raza que ten o seu xerme en Castro de Rei pero que está cada vez máis expandida por toda a Terra Chá.

Moitos destes produtores comezaron con esta aventura como un complemento aos seus traballos e non descartan seguir traballando.

CASTRO DE REI

Unha das produtoras desta raza autóctona é Beatriz Canto, que está á fronte de Granxa As Minas, en Castro de Rei, xunto a súa nai, Pilar Edrosa, que tamén se sumou a esta iniciativa cando esta foi crecendo.

Todo empezou coa rehabilitación da casa familiar, concretamente no lugar onde tiñan os animais. Había unha pitas ponedoras que se sacaron da xaula para un cerradiño pequeno e así xurdiu a idade de traer galiña de carne. Beatriz viu as posibilidades da avicultura e comezou a interesarse pola galiña de Mos para poder incluír este galiña de carne.

Despois de formarse abriu a granxa no 2017. Afincada en Pol, comezou a compaxinar o seu traballo como administrativa coa cría de galiñas e tamén dos seus pequenos polo que pronto a súa nai tamén se sumou ao proxecto, sobre todo porque comezou a crecer. Reparte o traballo e as responsabilidades e crían unha media de 30 reprodutoras ademais doutras 15 para posta de ovos.

Dentro da cría, está máis centrada na carne, dirixida a particulares na súa totalidade mentres que algo de ovos, “aínda que non é o meu” vai tamén para hostalaría, onde son moi apreciados. Vende de pequeno para que a xente críe e cando fan galo xa o destinan á hostalaría.

Contan con incubadora, o que lles permite criar cen polos cada vez dende pequenos, con calefacción, polos que despois, cando son grandes, van para o cercado e se crían en extensivo, o que lles permite ofrecer un produto moi apreciado. “Comer un ovo fritido de galiña de Mos é o mellor do mundo”, explica Beatriz, que tamén asegura que a carne “ten un sabor intenso, de polo de toda a vida”.

Para Beatriz a covid si trouxo un cambio no seu negocio. A produción de ovo foi baixando en favor da carne, que tamén baixou un pouco durante este tempo aínda que xa apunta á recuperación.

COSPEITO

Tamén dentro da produción, pero xa situado en Xustás, Cospeito, está Óscar Miranda, de Granxa Trigo Limpo. Tamén empezou no negocio da galiña de Mos como un complemento ao seu traballo nunha empresa láctea. Buscaba algo que fora compatible cos seus turnos e atopouno nesta granxa, na que traballa só, nas instalacións situadas na casa dos seus pais.

Mantén unha media de 50-60 exemplares adultos ao ano, o que lle produce unhas 1.500 pitas de forma anual. O que máis traballa é a recría de polo de dous meses, o momento no que xa se fai a diferenciación entre machos e femias.

A granxa abriu no ano 2016 e o seu crecemento é contante. Non se viu afectado tanto pola covid e de feito asegura que criou menos por medo a non ter vendas pero “non din producido toda a demanda que tiven”.

Asegura que a cría en extensivo desta raza aporta unha proximidade á ecolóxica, que pon en valor o produto, “é un ave que se cría en liberdade, non hai medicamentos e a xente empeza a ter constancia do que supón producir este tipo de razas e a entender o prezo que se cobra por eles, pero aínda falta moita concienciación”.

0.18310499191284