A arte floral pontesa internacionalízase

TerraChaXa
Uns 127 alfombristas das Pontes únense para formar o colectivo Pétalos, co que poder participar en actividades dentro da comunidade Cidae e impulsar esta tradición con talleres e outras iniciativas.
alfombristas as pontes petalos
21 Abr 2024

Uns 127 alfombristas das Pontes únense para formar o colectivo Pétalos, co que poder participar en actividades dentro da comunidade Cidae e impulsar esta tradición con talleres e outras iniciativas.

Un total de 27 alfombristas das Pontes veñen de fundar, a finais do 2023, a asociación Pétalos, como unha forma de expandir a súa arte fóra da vila e seguir aprendendo. As Pontes conta cun importante pasado alfombrista que se iniciou no ano 1988, cando un grupo de amigos xubilados aportaron a idea de realizar unha alfombra floral coa flor do Carmelo, dedicada á Virxe do Carme, patroa da vila. Ao ano seguinte non faltaron devotos da Virxe para continuar coa tradición, que se mantén ata os nosos días, sumando ano a ano participantes. Pero esta tradición ten unha orixe máis lonxe, naqueles emigrantes que recordaban con estas alfombras ás súas vilas de orixe.

O grupo de alfombristas do Carme, todos eles afeccionados e altruístas, está dirixido por Javier Acosta, membro da nova asociación e nela tamén participa practicamente desde as súas orixes Fina Penabad, que foi impulsora e polo de agora presidenta deste novo colectivo.

Despois de anos de traballo e aprendizaxe nas Pontes, xurdiu a oportunidade de seguir crecendo con Cidae (Coordinadora Internacional de Arte Efímero), formada por 13 países con tradición alfombrista. Para entrar neste programa é necesario ser unha asociación, e esa foi a razón pola que deron este paso burocrático. “É a única forma de saír do noso pobo e aprender novas técnicas e o uso de novos materiais”, explican desde a asociación.

De feito, en datas próximas, unha representación pontesa viaxará a Italia e tamén á México para facer pequenas estadías, “algo que sería impensable se non existise a asociación e non formáramos parte de Cidae.

Outro dos obxectivos de Pétalos é seguir innovando co tratamento dos materiais, tinguiduras e triturado. As alfombras florais das Pontes caracterízanse polo uso de materiais naturais e recollidos do monte, como ourizos das castañas, flores secas e sementes, materiais que logo se transforman para crear arte.

OUTROS PROXECTOS

A alfombra das festas do Carme é unha das actividades que realizan os membros da asociación. Forma parte do seu programa pero non é a única e tampouco a prioritaria, xa que se xestiona pola súa conta. Pétalos ten un programa de actividades para os alfombristas que o desexen nas distintas vilas da contorna, como Ferrol, Santiago, Mondoñedo, etc.; e tamén ten as súas propias iniciativas na vila.

Recentemente fixeron unha alfombra nas Pontes polo día contra o cancro, diante da casa consistorial. E a próxima cita será no Corpus, en asociación con Cáritas, asociación coa que traballan de forma conxunta en case todos os seus proxectos, e co colectivo Lembranza da Vila.

Farase unha alfombra na Villa. Non é a primeira vez pero levaba tempo sen facerse e a intención é recuperala. Contará coa súa versión infantil, xa que o relevo xeracional dos alfombristas das Pontes está cuberto de sobra. “Nunha actividade realizada para os maiores, participaron preto de 50 cativos e mozos, o que obrigou a utilizar os locais de Cáritas para poder acoller a todos os voluntarios”, explican.

Ademais, para manter a idea do relevo, o obxectivo da asociación é realizar talleres formativos para poder traspasar a tradición.

UNHA FONDA TRADICIÓN

“As Pontes é o berce de bos alfombristas”, asegura Penabad, e este ano estarán representados na alfombra que se realizará na Festa de Santiago Apóstolo, o Día Grande de Galicia.

Naceu esta afección coa devoción á Virxe do Carme e, en especial nos últimos anos, conta cun amplo apoio do Concello, como explicou a dirección da asociación. “É moi pouco común este apoio. Nas máis de cen localidades galegas con esta tradición moi poucos concellos teñen o grao de implicación que ten o das Pontes. Hai que dar grazas non só polo financiamento, senón tamén porque poñen o local e o persoal para o traslado, por exemplo”, din. Ademais, contan con moitos veciños e veciñas que aportan materiais diferentes e que traballan tamén nos talleres picando o verde e as flores, nas xornadas previas.

O colectivo explica a vinculación que ten As Pontes coa súa alfombra. “Somos unha comunidade moi ampla e variada non só en idade, senón tamén en cultura e costumes. Porque non só é traballar xuntos, compartimos cultura, gastronomía e tradicións porque o alfombrismo é convivencia”, explican. Esa convivencia reúne a devotos da Virxe e persoas alleas á relixión pero que teñen unha pertenza coa vila e os seus costumes.

Ademais, esta arte busca a través do colectivo internacional Cidae, no que están países como México, Bélxica, Italia ou Malta, ser Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

Recuperarán no Corpus as alfombras, unha para adultos e outra para nenos

“Somos unha comunidade moi ampla e variada non só en idade, senón tamén en cultura e costumes. Porque non só é traballar xuntos, compartimos cultura, gastronomía e tradicións porque o alfombrismo é convivencia”

0.20902705192566