A artesanía da música de Galicia darase cita en Pardiñas esta fin de semana
O universo dos instrumentos de música tradicional galega é amplo e excepcional: gaitas, requintas, zanfonas, pandeiretas, pandeiros, birimbaos, frautas, tambores, arpas, violíns,... Sábeno ben na Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas que festexa en 2024 a súa 31 edición. Estamos ante unha das mostras de luthería máis antigas da península ibérica e un referente indispensable da música tradicional galega na que participan milleiros de persoas cada ano. Mostra que se celebra no marco do Festival de Pardiñas e que acollerá nesta 31 edición un total de 33 artesáns e artesás, a maioría galegos, aínda que tamén participarán luthiers chegados de Euskadi, Cataluña, Madrid e mesmo do país veciño. Desde a directiva da Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos (AGG), promotora da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas dende os seus inicios, falan dun momento excepcional na lutheria tradicional de Galicia.
A Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas foi medrando extraordinariamente desde os seus inicios nos primeiros noventa. Lembra Xaneco Tubío, artesán de zanfonas e percusión, presidente da AGG e impulsor da Mostra, que esta naceu inspirada por algúns festivais europeos como o de Lorient e tras ver que o Festival de Pardiñas podía ser o espazo idóneo, alá comezaron a poñer os primeiros chanzos para arrincar esta iniciativa co obxectivo de crear pontes de colaboración entre todos os artesáns de música espallados polo país e crear, como sinalou Tubío durante o pregón na pasada edición, “un punto de encontro entre os artesáns e os músicos e rachar con aquilo dos secretos do oficio” e “xuntar ós artesáns vellos e ós novos, para facer algo de gremio e visualizar un oficio”, xa que “Un artesán de instrumentos o que quere da feira xa non só é vender, senón que os músicos, proben os instrumentos, que lle quiten os defectos, que lle poñan retos por diante. En definitiva, os artesáns non somos máis que solucionadores de problemas”, apuntaba Tubío.
Nesta 31ª edición da Mostra, como non podía ser doutro xeito, o acento volve poñerse no recoñecemento das artesás e artesáns, verdadeiros protagonistas da mesma e responsables, grazas ó seu traballo minucioso e preciso, de que a artesanía dos instrumentos tradicionais galegos sexa recoñecida e valorada no mundo enteiro.
“Se ti te vas á historia, e vas mirar as pedras que temos no país, o Pórtico da Gloria está cheo de instrumentos, se hai instrumentos alguén os facía, e está en Santiago de Compostela. Iso quere dicir que os galegos, a música, levámola dentro. E hai que sacala para fora. Vemos un carballo, e a maior parte da xente hoxe ve tablóns, pero nós vemos tambores, pandeiretas, gaitas, zanfonas, frautas,… O que faga falla! “apuntaba tamén durante o pregón da pasada edición Xaneco.
Pregón
A apertura oficial da Mostra comezará na tarde do sábado, co pregón ás 17:00 horas a cargo de Antón Santamarina, lingüista especializado no ámbito da lexicografía, catedrático de filoloxía románica na Facultade de Filoloxía da USC, membro da Real Academia e entre outras moitas aportacións á nosa lingua e cultura, coautor, canda Dorothé Schubarth, do Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié, 1984-1988), obra considerada como o máis amplo repertorio da música popular de tradición oral do país, que reúne pezas recollidas en máis de cen lugares de fala galega pola musicóloga suíza entre 1978 e 1983.
Obradoiros, concertos e moito baile
Neste 2024, mantense o formato de antano, recuperado a pasada edición co galo do 30 aniversario, na que a Mostra volvía a abrir as súas portas na mañá do sábado, e para elo estará amenizando a sesión vermú a música tradicional de “Os Canallas”. Haberá tamén tempo para marabillarse descubrindo como case calquera elemento pode converterse nun instrumento nas máns dun bo instrumentista, grazas á demostración da “Real banda de cadeiras encartables”, dirixida por Xavier Lozano e que servirá de marco durante o pregón. Xa a media tardiña, continuará a música co grupo de pandeireteiras Lembranzas do Tambre.
Durante a xornada do domingo será o tempo para a aprendizaxe, primeiro da man do artesán e gaiteiro Oli Xiráldez no Obradoiro de Treboada, que fará do recinto da mostra o escenario no que marabillarse da maxestuosidade dos Bombos de mallada, recoñecibles polas súas grandes dimensións, para rematar o obradoiro facendo un percorrido polo campo da festa, “facendo a alborada”. Xa pola tarde terá lugar outro dos clásicos da mostra, o tradicional e multitudinario Obradoiro de Baile Tradicional, a cargo da bailadora e mestra Ruth Pérez.
Un programa de actividades aberto a todas as persoas interesadas na cultura tradicional, onde coñecer de preto o gran traballo dos construtores de instrumentos, pero tamén para gozar de dous días cheos de festa, onde non faltará a música e o baile tradicionais para gozar deste encontro para a comunicación, o intercambio e, por suposto, a ledicia e divertimento.
PROGRAMACIÓN 31ª MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL
Sábado 3 agosto
11.30 - Apertura da mostra
13.00 - Sesión vermú: Os Canallas.
14.00 - Xantar
17.00 - Pregón: Antón Santamarina
18.30 - Concerto: Lembranzas do Tambre
20.00 - Sorteo: Bombo de treboada
21.30 - Peche da mostra
Domingo 4 agosto
11.30 - Apertura da mostra
12.30 - Obradoiro de Treboada. Imparte Oli Xiráldez
14.00 - Xantar
17.00 - Obradoiro de baile. Imparte Ruth Pérez
18.30 - Concerto: Silvaredonda
20.00 - Sorteo: Tambor de nogueira
21.30 - Peche da mostra
ARTESÁNS E ARTESÁS NA MOSTRA
- AGG / Asociación do baile e a música de tradición galega
- Alberto Pires / Gaitas / Pontesampaio
- Aragón y Parrado / Gaita irlandesa - Uilleann pipe / Guadarrama – Madrid
- Artesanía JMR / Instrumentos de percusión e accesorios musicais / O Pino
- Carlos da Silva / Fabricación de instrumentos de vento / Vilagarcía de Arousa
- Caroline Lacombe / Bouzuki irlandés, mandolinas, tarrañolas e mandolas / Barcelona
- DJB e Filla / Instrumentos de corda / Soutomaior
- Fernando Meireles /Corda portuguesa e zanfonas /Coimbra
- Francisco Luengo / Luthier de instrumentos medievais, renacentistas e barrocos / Brión
- Guillermo Camacho / Instrumentos de corda / Vitoria-Gasteiz (Álava)
- Iago Salgado / Instrumentos tradicionais / Teo
- Jaime Pena / Artesán Palleteiro / As Pontes
- Joan Pellisa / Lutier i investigador en organología /Fatarella - Cataluña
- Kepa Rubio / Luthier / Álava
- Lorena Reinaldo /Instrumentos de corda / Soutomaior
- Manels Percusión / Percusión tradicional / Ordes
- Master Gaita / Gaita electrónica / Sada
- Nebra / Instrumentos tradicionais / Porto do Son
- Miguel Rivas / Artesán de instrumentos tradicionais de percusión e vento / Vigo
- O Reberete / Vento e percusión tradicional / San Cristovo de Cea - Ourense
- Obradoiro Barciela / Gaitas / Carballal - Vigo
- Obradoiro Seoane / Instrumentos de percusión tradicional / Teo
- Oli Xiráldez / Gaitas e requintas / Calo - Teo
- Laboratorio de cordas / Instrumentos de corda / A Coruña
- Queima / Instrumentos tradicionais de vento e percusión / Redondela
- Rebollo Instruments / Zanfonas / Beluso
- Regos Pandeiretas / Obradoiro de Pandeiretas / Ordes
- Roi Earan / Luthier / Pontevedra
- Suso Gestal / Instrumentos de vento / Abellá
- Tunhas / Percusión / Ames
- V. Martín González / Luthier - Construción e restauración de instrumentos de corda / Vilaboa
- Xaneco / Percusión e zanfonas / Outeiro de Rei
- Xermán Arias / Luthería e zanfonas / Sarria
- Xosé Maceda / Instrumentos de percusión tradicional / Monforte