A artesanía musical de Galicia dase cita esta fin de semana en Pardiñas

No corazón da Feira e Festa da Música e da Arte que é o Festival de Pardiñas en Guitiriz, Lugo, a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional eríxese como un espazo único de encontro coa nosa identidade sonora. Unha mostra organizada pola Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos (AGG) que conta cunha longa traxectoria, que foi ademais a primeira mostra de instrumentos de música tradicional organizada en Galicia, alá polo ano 1994 e que se vén celebrando de forma ininterrompida anualmente dende entón ata hoxe, chegando nesta ocasión á 32 edición, sendo a día de hoxe a máis lonxeva e a única que aglutina a un número tan elevado de construtores, o que lle confire unha magnitude e un carácter esencial que a converte nun referente indispensable da música tradicional galega, así como a máis importante de toda a Península.
Ademais das artesás e artesáns galegas, este ano visítannos construtores de Euskadi, Cataluña, Asturias, Portugal e Francia. A súa presenza enriquece o encontro cunha diversidade de perspectivas, estilos e tradicións que dialogan coa nosa música galega, creando unha paisaxe sonora ampla e fascinante.
Mais a Mostra é moito máis ca unha exposición: é un lugar de aprendizaxe, de intercambio, de memoria e de futuro. Aquí podes conversar coas persoas que crean e investigan, que rescatan sons esquecidos e lles dan nova vida e que amosan con orgullo o seu traballo: zanfonas, gaitas, bombos, pandeiros, pandeiretas, tambores, requintas, trompas, harpas, charrascos, bouzoukis, … Un patrimonio vivo que medra co esforzo de quen mantén viva a tradición sen renunciar á innovación. Un espazo para tocar, escoitar, preguntar e deixar que a música nos fale doutros tempos, doutras terras e tamén de nós.
Este ano o pregón correrá a cargo da cantante Pilocha, militante activa da música cantada en galego dende finais dos anos 70, e contaremos na parte musical ca presenza da murga de Cantigas e Frores dende Lugo (dentro do programa Móvete patrocinado por Vicepresidencia da Deputación de Lugo), Noitarega que veñen de Vigo e as pandereiteiras Raigañas de Cerqueda no concello de Malpica de Bergantiños.
Nesta Mostra atoparase non só un lugar de encontro no que coñecer de preto o traballo minucioso e preciso de artesás e artesáns, senón tamén un espazo onde gozar de dous días cheos de festa e música do país nos que non faltará durante a xornada do domingo o tempo para o aprendizaxe, primeiro da man do artesán e gaiteiro Oli Xiráldez no Obradoiro de Treboada, que fará do recinto da mostra o escenario no que maravillarse da maxestuosidade dos Bombos de mallada, recoñecibles polas súas grandes dimensións, para rematar o obradoiro facendo un percorrido polo campo da festa, “facendo a alborada”. Xa pola tarde terá lugar outro dos clásicos da mostra, o tradicional e multitudinario Obradoiro de Baile Tradicional, a cargo da bailadora e mestra Rebeca Tallón.
Un programa de actividades aberto a todas as persoas interesadas na cultura tradicional, onde coñecer de preto o gran traballo dos construtores de instrumentos, pero tamén para gozar de dous días cheos de festa, onde non faltará a música e o baile tradicionais para gozar deste encontro para a comunicación, o intercambio e, por suposto, a ledicia e divertimento.