A asociación burelá A Moncloa fai unha doazón para a compra de alimentos

TerraChaXa | AMariñaXa
A asociación burelá A Moncloa fai unha doazón ao Concello para a compra de alimentos de primeira necesidade
19 Xan 2021

A asociación de xubilados do mar de Burela A Moncloa ven de facer unha doazón económica á Concellería de Servizos Sociais para a compra de alimentos de primeira necesidade.

A edil Carmela López explica que “a asociación de xubilados do mar e afíns de Burela, máis coñecida como A Moncloa, solidarízase unha vez máis coa vila doando as cotas dos socios deste ano para a compra de alimentos de primeira necesidade. Esa axuda será xestionada dende o departamento de Servizos Sociais do Concello de Burela”.

O presidente de A Moncloa, Antonio Abad (O Gacha), dixo que “debido á situación que continuamos vivindo, pensamos que é o mellor destino que lle podemos dar a ese diñeiro”. Esta é a segunda vez que este colectivo se puxo en contacto coa concelleira de Servizos Sociais para facer unha doazón deste tipo.

Carmela López subliñou: “dende o Concello, e particularmente dende a miña Delegación, agradecemos moitísimo esta achega, xa que son moitas familias as que atendemos e ás que lles brindamos toda a axuda posible. Ter unha pequena despensa dentro do Concello permite facer kits de emerxencia para cubrir necesidades con inmediatez e que permiten cubrir uns días mentres se xestionan outras solucións, como a tarxeta moedeiro, a alta no rexistro do Banco de Alimentos ou axudas doutro tipo".

Xunto a Antonio Abad estiveron a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano.

0.19561409950256