A asociación cabalar Rías Altas organiza unha ruta polo Vicedo o 14 de setembro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A asociación cabalar Rías Altas do Vicedo, da cal Cristian Yáñez Fernández é o secretario, invita aos amantes dos cabalos a percorrer a praia de Xilloi en O Vicedo, o vindeiro 14 de setembro, a partir das 10 horas, desde o areal.
71027178_2327563967503991_97699957544321024_o
10 sep 2019

A asociación cabalar Rías Altas do Vicedo, da cal Cristian Yáñez Fernández é o secretario, invita aos amantes dos cabalos a percorrer a praia de Xilloi en O Vicedo, o vindeiro 14 de setembro, a partir das 10 horas, desde o areal. Ás 15 horas será o xantar, por un prezo de 20 euros por comensal. Convén inscribirse ata o 11 de setembro chamando por exemplo ao teléfono 677.452.735. O colectivo demostra que a paixón polos equinos, que quedou reflectida en espectáculos coma as rapas das bestas este verán, segue moi viva na Mariña lucense.

Cando constituíron o colectivo?

Dita asociación constituíuse o 12 de novembro de 2013. Xurdíu da proposta de dous membros desta asociación os cales estaban cansos de que na nosa zona non se lle dera nada de valor o tema da equitación, ben é certo que moita xente da zona xa tiña cabalos antes de costituirse a asociación pero o que se pretendía era a unión da maioria de xente, que xa disfrutaba destes magnificos animais, para saír a pasear xuntos e poder entre todos darlle un pouco máis de mérito na zona aos cabalos. 

Quen está ao cargo da asociación?

Como cargos actualmente nesta asociación temos a Alejandro Del Río Piñeiro como presidente, a Óscar Martínez Rodríguez como vicepresidente, Cristian Yáñez Fernández coma secretario, José Francisco Martínez Salgueiro coma tesoureiro, e logo como vogais temos a Vicente Dovale Cao, Rocío Lago Fustes e José Ramón Perez Sánchez. Nos principios a asociación contaba con nove membros no ano 2013 e na actualidade somos uns 25 socios. 

Cales son as principais actividades que realizan durante o ano?

Realizamos varias actividades as cales a maioría constan de saídas entre os propios socios para dar paseos a cabalo. A orixe desta asociación foi a xuntanza dos cabaleiros da zona. Pero logo tamén asistimos a moitas rutas e feiras dos concellos do noso arredor. Estes eventos a maioría son organizados por outras asociacións doutras zonas e concellos. A actividade máis importante que organizamos é a ruta cabalar, unha ruta que este ano será o 14 de setembro e que pretende xuntar o maior numero de participantes e sobre todo que todo, que os que veñan marchen cun bo sabor de boca. Tamén asistimos a romaxe viquinga, organizada en San Román Do Val. Empezamos asistindo sen moita idea ao espectáculo e ano tras ano imos mellorando e facendo que a xente disfrute máis coa nosa presenza. Para a realización de actividades contamos con unha subvención municipal que temos que xustificar pero que nos axuda moito. 

A que rutas teñen asistido este ano?

Este ano levamos asistido a moitas rutas e feiras dende marzo que comeza a temporada delas. Asistiremos ata octubre, que é cando acaban. Temos unha axenda bastante estresada, sobre todo os meses de abril, maio e xuño, que é cando se celebran a maioría de rutas e xuntanzas. Tamen estivemos na romaxe viquinga, como mencionei antes, e así das nosas actividades quédanos a celebración da nosa ruta. Unha ruta moi bonita xa que percorremos moita zona de costa, o cal ten unhas vistas moi bonitas, sairemos desde Xilloi e recorreremos as parroquias do concello. Farase unha parada a media ruta para comer un pincho e volver coller forzas e acabaremos outra vez en Xilloi onde nos espera un bo almorzo e unha pouca de música para bailar. 

Que é necesario para facerse socio?

Para asociarse ao noso colectivo e necesario falar con algún socio ou membro da directiva, o cal propoñerá unha asemblea a fin de proceder a votación por parte dos asistentes, para saber se ese socio será admitido ou non. Unha vez admitido o único necesario é unha fotocopia do DNI para inscribirse no rexistro de socios e pagar a cuota correspondiente. 

Por que lles xurde esa afición ao eido cabalar?

A afición aos cabalos na maior parte de nós ven de forma hereditaria. En que casa de pais ou avos non había un cabalo ou egua, ben para traballar no campo, ou ben para desplazarse neles? A maior parte da afección aos cabalos ben desto. Ben é certo que tamén hai moita xente que nunca tivo cabalos na casa e por parecerlles bonitos ou mesmo porque hai algún compañeiro que ten un e pideslle así de vez en cando para montar e vaslle collendo o gusto e acabas metido no mundillo este. Para manter a afección os cabalos xurdíu a asociación, así xuntos pasámolo millor que paseando sós e sempre tiramos unhos polos outros para saír pasear ou ir a algún encontro equino. 

E logo resulta caro ou difícil manter ao cabalo e a afición?

Poderiamos dicir que se miramos todo o gasto que fan a final de ano podemos afirmar que é bastante caro. Desde o pasto que se necesita ( ou ben forraxes ), ou o pienso. Se te queres desprazar e levalo a sitios lonxe, xa necesitas remolque e un todoterreo, terlle un lugar onde resguardarse ou cuadra, e por ultimo unha das cousas máis caras e tamén máis importantes, o tema do ferraxe, ferrar un cabalo anda de media en 50 euros e adóitase ferrar como máximo cada tres meses. Así que botando contas a final de ano é unha afección un pouco cara. O tipo de cabalos que se cría en Galicia cambiou moito, se ben é certo que se está volvendo a criar moito cabalo de Pura Raza Galega dende hai unha década e tamén se lle deu moita afección nesta zona aos cabalos trotóns, debido a que moitos destes teñen xenes de andadura como os cabalos Pura Raza Galega pero o ter máis alzada chegan a alcanzar moita máis velocidade, chegando aos 55/60 km/h. Pero é certo que na nosa zona se siguen criando moitas razas de cabalos. 

Colaboran coa rapa das bestas que se fan na zona?

No tema das rapas das bestas non participamos de forma directa, asistimos a cabalo a eses eventos. É certo que son tradicións ancestrais o tema da rapa das bestas, pero non só se fai por tradicións, é unha forma moi boa de que os animais, unha vez rapados, estean máis frescos e se libren da cantidade de parásitos que crían nas súas crines. O tema dos cabalos no monte está claro que teñen un labor moi importante debido a que fan unha limpeza da flora importantisima. Pero o que está claro é que se debía regular dalgunha forma, xa que en zonas donde hai tránsito de vehículos e os animais están soltos con acceso ás carreteras, poden chegar a ser un perigro. Pero eu creo que para isto as autoridades competentes deberían de dar axudas ou subvencionar dalgún tipo os peches para que os gandeiros se decidiran a facer peches contra as estradas. 

Ten O Vicedo e en xeral esta zona da comarca problemas coa fauna salvaxe?

Temos bastantes problemas coa fauna salvaxe. Desde o lobo na minoría dos casos, ata o xabarín, que este si que nos fai moitos destrozos nos pastos, chegando a perder boa parte das forraxes que producimos para alimentar de inverno aos cabalos. 

Hai relevo xeracional no eido cabalar?

Relevo xeracional está claro que o hai. Hai moitos nenos asistindo ás rutas, de feito o noso pesidente ten un neno que ten agora 8 anos e que participa nas rutas con nós. E leva xa desde os 6 asistindo a sitios a cabalo. Na maioría de rutas vense nenos e familias xuntas disfrutando dos cabalos. 

E hai moita afición ao cabalo na Mariña?

Agora na Mariña gracias á creación de varias asociacións coma a nosa si que se ve un aumento da afección cabalar. Ben é certo que en anos anteriores esta zona estaba muy decaída pero gracias a agrupacións coma a nosa, isto da afección equina vai mellorando e esperemos seguir aumentando a afección por estes animais tan impresionantes que nos fan desfrutar o día a día e unen a moitos compañeiros en feiras e rutas da zona. 

70847930_1290280651096104_5393470650138492928_n
0.086832046508789