A Asociación Cultural Eme de Meira pecha o ciclo de representacións de teatro este domingo

A Asociación Cultural Eme de Meira retomou a súa actividade escénica cun ciclo teatral dirixido ao público xeral. As representacións tiveron lugar na Casa da Cultura de Meira estas semanas, co obxectivo de encher o outono de escena e de achegar o teatro á veciñanza.
A programación abriuse o sábado 15 de novembro, ás 19.00 horas, con Cinco minutos sen respirar da compañía Ítaca Teatro e pecharase o domingo 14 de decembro, ás 19.00 horas, con As aventuras de Nabiza Girl: O estraño caso da cultura minguante, o novo espectáculo protagonizado por Isabel Risco e no que tamén participa Alberte Bello, baixo a dirección de Fran Rei. A proposta, cun marcado ton humorístico e reivindicativo, chega da man da compañía Maquinaria Pesada e forma parte da programación da Rede Cultural da Deputación de Lugo.
Nesta nova aventura, Nabiza Girl, a icónica superheroína galega coñecida polo seu espírito combativo e o seu discurso en clave de humor, enfróntase ao misterioso “minguar” da cultura, un fenómeno que serve como metáfora das dificultades que atravesa o sector. A montaxe combina humor, crítica social e un forte compoñente identitario, mantendo o estilo irreverente que caracteriza os traballos de Risco.
A entidade organizadora salienta que se trata de citas pensadas para o conxunto da comunidade, e anima as persoas interesadas a achegarse á Casa da Cultura para gozar das propostas e apoiar o tecido cultural local.