A Asociación de Empresarios de Vilalba celebra o anuncio da mellora do parque empresarial

TerraChaXa
"Esta nova representa un avance significativo na posta en valor do polígono industrial, que levaba varios anos sen intervencións relevantes de mantemento", din
vilalba-poligono-sete-pontes
5 Jun 2025

A Asociación de Empresarios de Vilalba manifestou a súa "satisfacción" tras confirmarse que o Concello de Vilalba foi beneficiario de dúas subvencións concedidas pola Xunta de Galicia, destinadas á mellora de vías e á renovación do alumeado no parque empresarial.

"Esta nova representa un avance significativo na posta en valor do polígono industrial, que levaba varios anos sen intervencións relevantes de mantemento", din. Dende a chegada da nova directiva da Asociación, un dos seus principais obxectivos foi analizar por que o Concello non lograba acceder a estas axudas, a pesar de presentarse ás convocatorias públicas por concorrencia competitiva.

Durante o segundo semestre de 2023 levouse a cabo unha análise exhaustiva da situación, que permitiu identificar varios factores clave. Entre eles, destacan "o feito de que Vilalba non formaba parte da Rede de Concellos Emprendedores (Doing Business), o que penalizaba de forma notable a puntuación das súas solicitudes. Ademais, constatouse que, a pesar de poder presentar dous proxectos por anualidade, habitualmente só se presentaba un".

"Grazas ao traballo conxunto entre a Asociación de Empresarios e o Concello, e ao consenso acadado en 2024 cos catro partidos políticos para adherir Vilalba á Rede de Concellos Emprendedores, foi posible mellorar de forma notable a puntuación obtida na convocatoria", din. Unha vez priorizados os proxectos máis necesarios e viables, "logrouse por fin, despois de sete anos, obter financiamento para executar obras de mellora no parque empresarial".

Dende a Asociación de Empresarios de Vilalba quérese agradecer ao Concello a súa colaboración e coordinación no desenvolvemento dos proxectos, á Xunta de Galicia pola cofinanciamento das actuacións, e a todos os grupos políticos polo respaldo unánime a estas iniciativas. A entidade empresarial espera que "este modelo de traballo se manteña nos próximos anos e permita seguir avanzando no cumprimento do plan estratéxico marcado", conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.16486191749573