A Asociación de empresarios presenta as súas contas e o plan de actuacións para este ano

TerraChaXa
Celebrará este venres a súa asemblea de socios, onde se dará conta tamén das dez campañas de publicidade levadas a cabo en 2025
POLIGONO-INDUSTRIAL-sete-pontes-vilalba
26 Mar 2026

A Asociación de Empresarios de Vilalba celebrará este venres 27 de marzo a súa Asemblea Xeral Ordinaria correspondente ao ano 2026. A sesión terá lugar ás 20.00 horas en primeira convocatoria e ás 20.30 horas en segunda, no Restaurante Montero de Vilalba, de acordo coa convocatoria remitida aos socios.

Durante a Asemblea abordaranse os distintos puntos incluídos na orde do día, entre eles a aprobación das contas anuais de 2025, así como o repaso ás actividades desenvolvidas e aos obxectivos alcanzados dentro do plan estratéxico da entidade.

Neste sentido, a Asociación presentará as actuacións levadas a cabo no marco do Plan Estratéxico aprobado hai dous anos, con especial atención ao exercicio 2025. Ao longo dese ano impulsáronse máis de dez campañas de dinamización comercial e consolidouse, un ano máis, o papel da Asociación de Empresarios de Vilalba como Centro Comercial Aberto, xunto con outras iniciativas de especial relevancia para o tecido comercial local.

Así mesmo, informarase sobre as melloras realizadas no Polígono Industrial durante o pasado ano. Tras a consecución do recoñecemento de Vilalba como Concello Emprendedor, o Concello presentou dúas solicitudes á convocatoria de axudas da Xunta de Galicia destinadas a actuacións no polígono industrial. Ambas as intervencións contaron cun orzamento superior aos 200.000 euros, financiado nun 80% pola Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, darase conta das actuacións previstas para o ano 2026. Entre elas, destaca unha intervención de próxima execución relativa á instalación de cámaras de control de tráfico no Polígono Industrial Sete Pontes, promovida pola propia Asociación e cofinanciada tamén nun 80% pola Xunta de Galicia.

Doutra banda, durante a Asemblea explicaranse as diferentes solicitudes trasladadas polos directivos da Asociación aos representantes dos distintos partidos políticos na reunión mantida o pasado mes de xaneiro. Nese encontro acordouse que o Concello solicitaría dúas subvencións para novas actuacións no polígono industrial, que serán detalladas durante a sesión. Ademais, pediuse información sobre a necesaria ampliación do chan industrial, unha cuestión de gran interese para o empresariado local e sobre a que tamén se informará aos socios.

A Asemblea incluirá igualmente a presentación do orzamento e do plan de actuación para 2026, alén dunha quenda aberta de rogos e preguntas e a posterior aprobación da acta.

A xornada concluirá cun cóctel entre os asistentes, favorecendo así o intercambio de ideas e o fortalecemento das relacións entre os empresarios da zona.

Con esta Asemblea, a Asociación de Empresarios de Vilalba reafirma o seu compromiso coa transparencia, a mellora continua e o impulso do desenvolvemento económico local.

0.11777520179749