A Asociación de Empresarios Sete Pontes presenta este xoves o seu balance anual na Asemblea Xeral

TerraChaXa
A directiva da asociación, que cumpre dous anos de mandato, destaca a súa aposta pola dinamización do comercio local
POLIGONO-INDUSTRIAL-sete-pontes-vilalba
18 Jun 2025

A Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba celebrará mañá, xoves 19 de xuño, a súa Asemblea Xeral Ordinaria, que terá lugar no Restaurante Montero ás 20:00 horas en primeira convocatoria e ás 20:30 horas en segunda convocatoria. Este encontro anual representa un momento clave para facer balance do traballo realizado e marcar os retos e prioridades de futuro da entidade.

Durante a sesión, presentarase o estado e aprobación das contas do ano 2024, así como unha modificación do logo e dos estatutos da asociación. Tamén se abordarán as actividades realizadas e os obxectivos acadados no marco do plan estratéxico de 2024, así como o orzamento e as actuacións previstas para o ano 2025. O encontro rematará cun espazo aberto para rogos e preguntas e a posterior lectura e aprobación da acta, se procede.

A directiva da asociación, que cumpre dous anos de mandato, destaca a súa aposta pola dinamización do comercio local, a mellora do mantemento do polígono industrial e a consolidación dunha planificación estratéxica a medio prazo.

Como mostra de vontade de colaboración institucional e co obxectivo de visibilizar o papel do empresariado local, a asociación convidou tamén aos catro grupos políticos con representación no Concello de Vilalba.

Desde a Asociación de Empresarios Sete Pontes faise un chamamento á participación e ao traballo conxunto como ferramentas fundamentais para impulsar o desenvolvemento económico e social da vila e da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.079149007797241