A asociación de produtores de leite ecolóxico celebra en Vilalba unha xornada formativa

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia organiza o vindeiro mércores 16 de outubro, no Hotel Terra Chá de Vilalba, unha xornada formativa gratuíta dirixida a profesionais do sector agrario, con especial preferencia para produtores e produtoras ecolóxicos.
O encontro, que comezará ás 11:30 horas, inclúe un amplo programa de relatorios centrados nas novidades normativas e nas prácticas sostibles no ámbito agrogandeiro. A primeira sesión correrá a cargo de Agronovo Ecoloxía, que abordará o novo sistema de facturación obrigatoria Verifactu 2026. A continuación, a investigadora Teresa Moreno López, do Departamento de Produción Animal do Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo, analizará os sistemas de produción sostible e eficiente no cebo bovino de carne, centrando o seu relatorio no modelo de rabaño de becerros con vacas nutrices e vacún maior.
Despois dunha pausa para o xantar, as sesións retomaranse pola tarde cunha charla sobre as novidades da PAC 2026, tamén impartida por Agronovo Ecoloxía, que continuará cunha análise prospectiva da PAC 2028-2034.
A iniciativa, financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, enmárcase dentro das accións de formación e divulgación destinadas a mellorar a competitividade e sustentabilidade das explotacións gandeiras galegas.
As persoas interesadas en participar deberán realizar inscrición previa, e poden obter máis información a través do teléfono 678 645 549 ou no correo electrónico aplegalicia@gmail.com
.