A asociación de Santalla de Pena reclama ao Concello de Begonte o arranxo das súas pistas
A Asociación Veciñal de Santalla de Pena, integrada na Federación provincial de Asociacións Veciñais Lucus Augusti de Lugo, dirixiuse á Concellería de Vías e Obras do Concello de Begonte para denunciar o lamentable estado actual que presentan as pistas municipais desta parroquia.
A asociación engadiu na súa protesta unhas imaxes tomadas neste mes de xullo do ano 2024, "non resulta difícil adiviñar a problemática diaria que este ocasiona nos transeúntes, e moi especialmente, nos condutores/as e nos seus respectivos vehículos", din.
A este respecto, desde a Asociación Veciñal de Santalla de Pena, solicita ao Concello de Begonte, a través da súa Concellería de Vías e Obras, que proceda, o máis axiña posible, ao arranxo e reparación do pavimento -e eliminación da multitude de fochancas presentes- das pistas municipais; do mesmo xeito que a eliminación da maleza presente nos límites laterais das mesmas e tamén, en múltiples casos, na súa interior -"mostra evidente do tempo que leva sen ser reparado devandito pavimento"-.
Así mesmo, fan un chamamento e petición especial, desde a Asociación Veciñal de Santalla de Pena, ao Concello de Begonte, en relación á supervisión do peso/tonelaxe dos camións de transporte de madeira que circulan polas pistas municipais, xa que a miúdo exceden a tonelaxe permitida, ocasionando, á súa vez, múltiples desfeitas nas pistas municipais.
"Agardamos que as nosas peticións sexan atendidas o máis axiña posible, xa que afectan á seguridade e vida diaria de multitude de veciños e veciñas desta parroquia.", conclúen.